Imprimir

Cardoso e Cordeiro: "O reto da adolescencia é a distanciamento social, pois é básica a relación coas iguais"

Ana Triñáns | 23 de febreiro de 2021

WhatsApp Image 2021-02-23 at 15.55.27
Ana Cardoso e Uxía Cordeiro imparten o primeiro curso en liña de Semente Compostela neste 2021. (Foto: Nós Diario)
A escola Semente Compostela organiza a unha serie de cursos en liña orientados a aprender arredor da sexualidade en crianzas e adolescentes e tamén sobre a igualdade. O primeiro dos obradoiros desenvólvese esta sexta feira, entre as 17 e as 20 horas, previa inscrición. O custo para participar nos cursos, dirixidos especialmente a familias e persoas educadoras, estabelécese en 30 euros para un obradoiro, 60 para asistir a dous e 75 no caso de inscribirse nos tres que terán lugar entre febreiro e abril. 

'Dialogando coa adolescencia' é o nome do curso que impartirán o vindeiro 26 de febreiro. En que vai consistir?

Trátase dun obradoiro de educación sexual que ten en conta as familias. Ás veces organízanse cousas nos colexios dun modo puntual, non unha intervención global, e nós tratamos de darlles ás familias ferramentas para que poidan acompañar o desenvolvemento sexual das crianzas.

O que imos facer é explicar, en primeiro lugar, para que se fai unha educación sexual, trátase de abordar a temática desde a nosa implicación como sexólogas, máis tamén buscamos a idea de sexo que teñan as persoas participantes, porque ás veces, a educación sexual que desenvolvemos deriva desa idea, e en ocasións pode ser educación para a saúde ou para a igualdade, que está moi ben, pero que non é o que pretendemos como sexólogas.

Para nós o sexo é unha calidade humana algo que ten unhas implicacións que nós compartimos, facemos proxectos... Estes coñecementos, cada familia pode acomodalos ao seu sistema de valores para facer o acompañamento que mellor lles encaixe, porque non hai unha variña máxica, non hai ninguén que o faga mellor ou peor. Nós somos as profesionais, as encargadas de ter o coñecemento e de comunicalo e as familias ocúpanse de asentar ese coñecemento nos seus valores.

Como se aborda un debate así entre a adolescente e a a súa familia?

Damos ferramentas e coñecementos para que esas familias saiban como se crea a identidade sexual, que cousas acontecen na adolescencia, e tamén damos as chaves para que os familiares acompañen en como se van xerando esas identidades, a nivel individual, a nivel de relacións... A

idea que nos manexamos é unha idea moderna, e que nos move a acompañar moito ás familias e tamén aos mozos e ás mozas para ensinarlle como tecer o que lles está a acontecer. Porque ás veces, na adolescencia, sobre todo, aparecen moitas cousas e poden darse conflitos, líos... Hai mocidade que chega á súa identidade soa e outra que ten que dar máis voltas...

Así que hai que tentar darlle certeza ante a incerteza que é adolescencia. Por iso o obradoiro está orientado ás familias pero tamén a un público máis amplo como pode ser o profesorado e a xente en contacto coa adolescencia.

O contexto restritivo da Covid-19, como está a afectar a adolescencia?  

O reto actual das adolescentes é o distanciamento social, porque o fundamental nesa idade é a relación cos iguais e as iguais, e iso está afectando en certo modo á construción que están a facer agora os mozos e as mozas. Non sabemos aínda como está a repercutir,  pero traballamos con familias e adolescentes e si que vemos que neste momento a falla de relación, fóra do instituto, por exemplo, estalles a afectar.

Temos en conta tamén que os seres humanos nos imos facendo coas circunstancias. Hai cambios nas nosas vidas sutís e outros máis marcados que, igual que  a Covid-19, afectan á adolescencia,  como a maternidade ou a morte, a enfermidade... Situacións que impactan na nosa biografía inevitabelmente e que producen cambios en nós, iso é obvio, na adolescencia e na idade adulta.

Mais a necesidade adolescente de contar a intimidade, que non se produce na familia, deben suplila dalgún modo e estará tendo lugar doutra maneira segundo cada persoa á hora de relacionarse... As adolescentes estanse a buscar a vida, compartindo, por exemplo unha serie que cada unha ve na súa casa...

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/social/reto-da-adolescencia-distanciamento-social-porque-basica-relacion-coas-iguais/20210223200730116452.html


© 2021 Nós Diario