Análise

O resultado das eleccións catalás dálle forza a Feixoo

O retroceso do Partido Popular en Catalunya pode derivar no salto de Alberto Núñez Feixoo a Madrid. No entanto, todas as forzas políticas galegas fan as súas estimacións após ter os resultados destes comicios.
Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pablo Casado e Alberto Núñez Feixoo. (Foto: Nós Diario)

Os resultados das eleccións catalás están a ser mirados con lupa polos dirixentes das formacións políticas galegas. Se Alberto Núñez Feixoo ve no retroceso do PP a posibilidade de saltar a Madrid, Abel Caballero aproveita a suba de Salvador Illa para cargar contra a dirección do PSdeG, o BNG respira pola maioría dos nacionalistas, Galicia en Común descansa tranquilo polos resultados de En Comú e Ciudadanos olla para unha volta á casa. Á espera da vindeira cita electoral no Estado, con práctica seguridade en Andalucía a finais de ano, as forzas políticas prepáranse para un endiañado calendario interno onde os resultados de Catalunya van pesar moito. 

Alberto Núñez Feixoo sabe que está diante da última oportunidade para conseguir a súa desexada candidatura á presidencia do Goberno do Estado e xoga duro. Convencido da debilidade de Pablo Casado, cuxa figura é moi contestada polos dirixentes territoriais do PP con mando en praza e cuxo liderado sae moi tocado dos comicios cataláns, o mandatario galego aproveita a debilidade do seu rival para forzar a súa saída da presidencia do partido e posicionarse na mellor situación de cara á sucesión. Porén, os plans de Casado non pasan por unha dimisión e, lonxe de dar un paso atrás, tenta aproveitar os congresos territoriais deste ano para gañar poder interno.

O mandatario galego vai lanzado e non aforra munición de groso calibre contra o presidente dos populares. Así, a pasada semana, nunha rolda de entrevistas en diversos medios de comunicación de ámbito estatal, algún deles tan influentes entre o electorado de dereitas como a Cope, desmarcouse da valoración dos resultados das eleccións catalás realizada por Casado, sinalando que “cando un partido perde o 25% dos seus escanos, sendo só catro os que tiña, é evidente que é un mal resultado. E cando hai un partido que perde 30 escanos, e nós non somos capaces de conseguir ningún, é un dobre mal resultado”.

A contundencia das críticas de Feixoo contra Casado levan a pensar os dirixentes do partido que nesta ocasión o presidente galego vai até ao final. Neste sentido sorprenderon pola súa dureza as declaracións de Feixoo da pasada sexta feira na mesma radio, onde chegou a afirmar, en referencia directa a Casado, que “un político que non gaña, ao final será relevado por un compañeiro, sempre foi así”.

Ao tempo, a súa oposición á decisión de Casado de desfacerse da sede central dos populares, na madrileña rúa de Xénova, explícase como unha chiscadela á vella garda da formación e a parte dos cadros territoriais, temerosos de que a renovación que tenta impulsar Casado os deixe fóra dos postos de responsabilidade.

A vontade de Feixoo de liderar o PP ninguén a cuestiona no interior da formación, mais falta por saber con que apoios conta. Mentres desde o núcleo de confianza de Casado salientan a soidade de Feixoo, o círculo do presidente galego afirma que sectores moi diversos do partido e da sociedade están a animalo a dar un paso á fronte.

O salto de Feixoo a Madrid contaría co apoio de importantes dirixentes territoriais, entre eles o presidente andaluz, Juan Manuel Moreno Bonilla, e do castelán, Alfonso Mañueco, pero tamén dos dirixentes da CEOE e dos directivos das compañías do IBEX, moi críticos con Casado.
 

Comentarios