Opinión

Os restos do franquismo. Honras, distincións e privilexios a golpistas, franquistas e criminais

Un grupo de historiadores, coordinados por Julián Casanova, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Zaragoza, escribían un libro que titulaban “40 años con Franco”. Cando se cumpre un novo aniversario da morte do ditador temos que dicir “44 anos con Franco”.

O ditador Franco foi retirado do Val dos Caídos nunha cerimonia que se converteu nun acto de exaltación do franquismo, organizado por fascistas e permitido polo goberno, pero aínda quedan moitos restos do franquismo, entendido dun xeito amplo porque comprende moitos aspectos relacionados coa pervivencia do franquismo na sociedade e tamén nas institucións do Estado.

1. Os restos do franquismo están hoxe representados na fortuna da familia Franco, que se cifra en máis de 600 millóns de euros. Franco non era un militar honrado e austero, servidor da patria, senón un ladrón e un corrupto. Sinala o historiador Ángel Viñas que se como xefe de Estado tiña un salario anual de 50.000 pesetas, como é posíbel que a 31 de agosto de 1940, tivese 34,3 millóns de pesetas en diversas contas? Franco fixo unha gran fortuna, entre outras operacións, aproveitándose do café que chegaba de Brasil, moi escaso na posguerra e moi demandado no estraperlo. A recadación de 7,5 millóns de pesetas (sobre 85 millóns de euros de hoxe) pola venta dese café (doazón de 600 toneladas do ditador Getúlio Vargas) acababa nas contas do Caudillo. Tamén figura nesas contas unha “doazón mensual” de 10.000 pesetas (sobre 11.000 euros) da Compañía Telefónica.

2. Os restos do franquismo son o Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as estatuas de Abraham e Isaac, que administra a familia Franco como se fosen súas, cando son o resultado dun espolio ou roubo continuado. A familia do ditador conserva esas propiedades e unha gran fortuna porque os sucesivos gobernos mantiveron os seus privilexios, facilitaron o seu enriquecemento e permitiron todo tipo de negocios e operacións especulativas. Un dos principais promotores dese roubo foi Pedro Barrié de la Maza, franquista, empresario e banqueiro que aínda ten, entre outras, as distincións de Fillo Predilecto da Coruña (1950) e Medalla de Ouro da provincia da Coruña (1971).

3. Os restos do franquismo son máis de 2.300 foxas con 115.000 persoas desaparecidas, sen que as familias poidan recuperar os seus restos e dar unha sepultura digna ás vítimas do franquismo. E todo isto despois de 42 años de democracia, sen que os sucesivos gobernos arbitrasen as medidas económicas, técnicas e xudiciais para acabar con esta vergoña de Estado.

4. Os restos do franquismo é a desaparición forzada de nenos e nenas vítimas do franquismo, sen que a democracia investigue a desaparición e adopción ilegal de arredor de 30.000 fillas e fillos de nais que foron asasinadas, presas, desaparecidas, exiliadas ou porque o novo Réxime consideraba que as familias non eran axeitadas para educar a eses nenos e nenas.

5. Os restos do franquismo é que 400.000 presos políticos fosen utilizados como auténticos escravos, “botín de guerra”  despois da sublevación de 1936, para construír pantanos, estradas, liñas ferroviarias, aeroportos, Val dos Caídos”, sen que as 90 empresas que utilizaron esa man de obra forzada, e subsidiariamente o Estado, devolvesen aos familiares das vítimas os beneficios desa explotación, que o xornalista Isaías Lafuente cuantifica en máis de 130.000 millóns de pesetas (780 millóns de euros de hoxe).

6. Os restos do franquismo están tamén nos xuíces franquistas que perviven no poder xudicial. Como sinala Josep Fontana no prólogo do libro Jueces, pero parciales. La pervivencia del franquismo en el poder judicial, de Carlos Jiménez Villarejo e Antonio Doñate Martín: La forma en que se realizó la transición permitió que se amnistiasen los crímenes cometidos en los cerca de cuarenta años de gobierno dictatorial –sin que a nadie se le ocurriese pedir su opinión a las “víctimas del terrorismo franquista”, sistemáticamente marginadas– y, lo que es mucho más grave, hizo posible que siguieran administrando justicia los mismos que habían sancionado los abusos ahora perdonados. Lo peor fue, sin embargo, que no solo se acordó la amnistía, sino que se decretó el olvido.

7. Os restos do franquismo están na intervención continuada das Forzas Armadas en momentos claves da vida política: legalización do Partido Comunista, redacción do artigo 2º da Constitución, celebración do 18 de xullo en acuartelamentos militares; José Mena Aguado, tenente xeneral do Exército de Terra, diante do rei Juan Carlos e da máis alta representación do Estado, ameazaba no seu discurso en Sevilla na Pascua Militar de 2006 coa intervención do Exército se era aprobado o Estatuto de Autonomía de Cataluña: «Es nuestra obligación alertar de las graves consecuencias que tanto para las Fuerzas Armadas como institución como para las personas que las integran podría conllevar la aprobación del Estatuto de Cataluña en los términos que está planteado”. Máis de 60 xenerais, que fixeron a súa carreira militar en democracia, asinaron un manifesto de recoñecemento da figura do ditador Franco. E non pasa nada!

8. Os restos do franquismo están nos títulos nobiliarios a militares golpistas, significados franquistas, dirixentes de importantes empresas e de medios de comunicación, concedidos polo ditador Franco, o rei Juan Carlos e renovados por Felipe VI, como pago polos servizos prestados á ditadura: Ducado de Franco, Señorío de Meirás, Ducado de Mola, Marquesado de Queipo de Llano, Marquesado de Arias-Navarro, Duque de Calvo Sotelo, Duque de Primo de Rivera, Conde de Fuerzas Eléctricas del Noroeste S.A., Marqués de Dávila etc.

9. Os restos do franquismo están na impunidade dos crimes do franquismo, resultado de considerar a Lei de Amnistía de 1977, que foi unha conquista democrática, como unha lei de punto final.

10. Os restos do franquismo están na negativa dos sucesivos gobernos a facilitar a extradición de persoas reclamadas por la Querela Arxentina por crimes na ditadura, e nas instrucións da Fiscalía aos xulgados para que non admitan a trámite as denuncias presentadas.

11. Os restos do franquismo están presentes na carreira profesional de policías como “Billy el Niño” que recibe cinco distincións, despois de cometer delitos de torturas, e que con eses “méritos” cobra un 50% máis de pensión; este torturador asiste como invitado nas celebracións da festa da Policía nunha comisaría de Madrid e, ante esa humillación das vítimas da ditadura, os gobernos din que no poden facer nada. O golpista Tejero segue participando en actos da Garda Civil y recibindo todo tipo de homenaxes públicos que acaban cun ¡viva Franco!

12. Os restos do franquismo permanecen en numerosas fundacións franquistas (Fundación Nacional Francisco Franco, Fundación José Antonio Primo de Rivera, Fundación Pro-Infancia Queipo de Llano, Fundación Yagüe, Fundación Serrano Suñer, Fundación Hijas de Millán Astray, Fundación Ramiro Ledesma Ramos), que realizan todo tipo de actividades de propaganda fascista, ás veces subvencionadas con diñeiro público, que é un caso único nos países democráticos.

13. Os restos do franquismo maniféstanse no desprezo ás resolucións e recomendacións de organizacións internacionais e comisións de dereitos humanos da ONU, que reclaman verdade, xustiza, reparación y garantías de non repetición; e no incumprimento reiterado de convenios internacionais asinados por España. Tamén no incumprimento do acordo do Parlamento Europeo de 25 de outubro de 2018 para prohibir fundacións fascistas e eliminar a simboloxía franquista, que instaba a “prohibir efectivamente os grupos neofascistas e neonazis e calquera outra fundación ou asociación que exalte e glorifique o nazismo e o fascismo”. Por outra parte, “pide ás autoridades españolas que se supriman de maneira efectiva todos os demais símbolos ou monumentos que exalten o levantamento militar, a guerra civil e a ditadura de Franco”.

14. Os restos do franquismo están na aceptación polos sucesivos gobernos da designación polo ditador Franco en 1969 de Juan Carlos Borbón como sucesor na Xefatura de Estado “para que todo quede atado y bien atado para el futuro”, que foi aceptada polo futuro rei xurando fidelidade ao ditador e aos Principios do Movemento Nacional, é dicir, ás leis da ditadura, privando así ao pobo do dereito a decidir entre Monarquía e República. A monarquía está blindada e as numerosas preguntas presentadas no Congreso sobre posíbeis casos de corrupción son sistematicamente rexeitadas co argumento da “inviolabilidade do rei”.

Os restos do franquismo están na permanencia da simboloxía franquista, unha auténtica praga, que está estendida por todo o Estado. A Dirección Xeral da Memoria Histórica do Ministerio de Xustiza comunicaba que aínda quedaban algúns restos de simboloxía franquista en 16 concellos de Galiza. A realidade é que existen máis de 400 símbolos franquistas en 70 concellos galegos.

15. Os principais militares golpistas que organizaron a sublevación na Coruña o 18 de xullo de 1936 contra a Constitución e a democracia –Enrique Cánovas Lacruz, Florentino González Vallés, Luis Tovar Alonso e Pablo Martín Alonso– recibiron a distinción de Fillos Adoptivos da provincia no Pleno da Deputación da Coruña de 5 de xaneiro de 1937; 82 anos despois continúan con esa distinción.

16. Despois de publicarse o manifesto de presas e presos políticos na ditadura NON QUEREMOS AO “CAMARADA FRAGA” COMO FILLO ADOPTIVO, apoiado por 50 historiadoras e historiadores, a corporación municipal de Ferrol aprobaba no Pleno de 25 de abril de 2019 retirar a Fraga a distinción de Fillo Adoptivo, concedida na ditadura en 1965, pero o concello de Santiago aínda mantén distincións honoríficas a 20 ministros da ditadura, entre eles a Manuel Fraga.

17. Militares golpistas e criminais manteñen hoxe todo tipo de honras e distincións. Cando o exército sublevado entra en Málaga en febreiro de 1937, unha multitude de 120.000 persoas fuxe da cidade pola estrada a Almería. O almirante Salvador Moreno Fernández bombardea esa estrada dende o cruceiro Canarias, asasinando a 20.000 persoas. Este militar foi un dos 35 altos cargos do franquismo imputado pola Audiencia Nacional –sumario instruído polo xuíz Garzón– polos delitos de detención ilegal e crimes contra a humanidade. O Pleno de Pontevedra de outubro de 2002 acordaba eliminar a rúa Salvador Moreno Fernández, hoxe Rosalía de Castro, pero aínda conserva, ente outras, a distinción de Fillo Predilecto da provincia da Coruña, concedida pola Deputación en 1951.

18. O concello da Coruña mantén 30 distincións a alcaldes da ditadura entre rúas, retratos, placas, monolitos etc. O golpista José Calvo Sotelo conserva sete distincións. Un salón anexo á Alcaldía, lugar de visita obrigada do palacio municipal e de celebración de actos institucionais,  está decorado con grandes retratos de Calvo Sotelo e dos xenerais golpistas Miguel Primo de Rivera, Severiano Martínez Anido e Mario Muslera y Planes.

19. Continúan as Cruces aos Caídos en O Castro (Vigo) e na avenida Montero Ríos de Pontevedra, despois dun “branqueo” para agachar que se construíron para “que perpetúe el recuerdo de los héroes que sucumbieron en defensa de los santos ideales de Religión y Patria en la gesta heroica de nuestra liberación”. A igrexa católica non cumpre coa Lei de Memoria Histórica e converteu a igrexa de San Francisco de Ferrol nun auténtico museo de exaltación do franquismo cunha gran cruz coa inscrición “Caídos por Dios y por España”. E despois disto, seguen cobrando subvencións do Estado e continúa vixente o Concordato co Vaticano.

20. O Ministerio de Defensa négase a cumprir a Lei de Memoria Histórica sen que ninguén presente denuncia nos xulgados. As rúas do Arsenal Miliar de Ferrol están dedicadas a franquistas e significados militares golpistas (Almirante Fernández Martín, Marqués de Alborán, Almirante Vierna, Almirante Honorio Cornejo, Almirante Salvador Moreno Fernández) despois de que o concello de Ferrol aprobase varias mocións pedindo a súa retirada e de que o Pleno de 2 de marzo de 1981 eliminase esas mesmas rúas. O Salón de Honor do Palacio de Capitanía da Coruña leva o nome de “Teniente general Yagüe”, golpista, coñecido como o “Carnicero de Badajoz”.

E a mellor proba da existencia destes restos do franquismo é que hoxe, 12 anos despois da aprobación da Lei de Memoria Histórica e 44 anos despois da morte do ditador, aínda sigamos falando dos restos do franquismo. Até cando seguiremos con esta inxustiza e con esta vergoña? Asumirá o novo goberno as nosas demandas?

Comentarios