Resposta da APDR á conselleira de Medio Ambiente

Sra. Conselleira:

Fai Vde. unhas declaracións nos medios que, aínda sabendo da conivencia existente entre o PP e a empresa ENCE, non deixan de sorprendernos; nuns casos pola súa falta de rigor e obxectividade, e noutros, porque transmiten un grado de parcialidade na defensa da empresa que di ben pouco dun cargo público que debera representar e defender os dereitos do conxunto da cidadanía fronte ao interese particular dunha empresa privada.

Coincidimos con Vde., Sra. Vázquez, en que a depuración dos vertidos urbanos á Ría non acada os niveis esixíbeis e que a depuradora de Os Praceres verte ao mar efluentes que non cumpren a lexislación. Que nos vai dicir, Sra. Conselleira, se a sanción da U.E. que pesa sobre o estado español polo incumprimento da Directiva 91/271/CE nas augas da Ría de Pontevedra, é froito dunha denuncia interposta pola nosa Asociación, denuncia que -por certo- incluía aos vertidos da fábrica de Lourizán. Pero esa realidade non pode levarlle a obviar que a factoría de ENCE tamén incumpre a lexislación en materia de vertidos.

Lémbrase Sra. Conselleira cando o seu partido, desde final dos anos oitenta ata finais do 2002 (no que ENCE foi condenada por delito ecolóxico) afirmaba que “Ence cumpría escrupulosamente a lexislación medio ambiental”?

Lémbrase Sra. Conselleira cando o seu partido, desde final dos anos oitenta ata finais do 2002 (no que ENCE foi condenada por delito ecolóxico) afirmaba que “Ence cumpría escrupulosamente a lexislación medio ambiental”? Lembra cando, anos máis tarde, mantiñan esa mesma posición sen que tivesen mudado substancialmente os valores para Demanda Biolóxica de Osíxeno (DBO), Demanda Química de Osíxeno (DQO), Sólidos en Suspensión (SS), Nitróxeno (N2) e Fósforo (P) nos vertidos de ENCE?

Pódolle dicir que, cos datos que facilita a empresa á Xunta de Galicia na man, os vertidos de ENCE incumpren os límites fixados na Directiva para DQO desde o 2002 ata o 2017, e para DBO, SS e P ata o 2008 (con algúns incumprimentos puntuais en anos posteriores), e que a UE ratificou que estes valores son de obrigado cumprimento para as fábricas de pasta de papel que, como ENCE, verten ao medio xunto con augas residuais domésticas! E Vdes., seguen mirando para outro lado! Como miraron para outro lado cando dixemos que as AAI concedidas a ENCE tiñan que obrigarlle a expresar os niveis de vertido para estes parámetros en mg/L! Insistiron de forma sistemática en que abondaba con que o fixesen en Q/día aínda sabedoras de que a lexislación dicía o contrario e do impacto que supón para as augas da Ría manter esa posición. Deberían explicar que mudou para que na última revisión da AAI, de novembro de 2018, decidan darnos a razón ao fixar os límites de vertido tamén en concentración (mg/L) e porque seguen permitíndolle verter concentracións moito máis elevadas que as que fixa a lexislación para DBO, DQO e SS mentres fixan para N2 e P os valores establecidos pola UE. Será porque ENCE é incapaz de poñer os seus vertidos de DBO, DQO e SS por dentro destes límites?

E non poden mirar para outro lado tampouco cando denunciamos que os vertidos de ENCE teñen elevadas cargas de coliformes fecais e outras bacterias, porque eses datos non son nosos, senón da consellería que Vde. dirixe, e corresponden ás análises das mostras dos vertidos de ENCE recollidas nas inspeccións que a Xunta realiza na empresa. Pero claro, para Vde. é máis doado obviar esta realidade e escudarse en frases como “a contaminación por coliformes non é típica das fábricas de pasta de papel” para non incluír a medida destas bacterias na AAI de ENCE”.

Temos que recoñecer que descoñecemos os datos de vertido de ENCE do ano 2018 e do que vai do ano 2019, entre outras cousas porque desde a Subdirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Consellería de Medio Ambiente non se nos remitiron apesares de telos solicitados en distintas ocasións e de que nos asiste o dereito ao acceso a esta información, regulado na Lei 27/2006 do 18 de xullo, pero non se pode dicir, Sra. Vázquez, que ENCE non contamina.

E, xa por último, Sra. Vázquez; o que está en cuestión hoxe non é se ENCE contamina ou non; do que se trata é de que ENCE non pode seguir na Ría por máis tempo, porque a prórroga concedida por Mariano Rajoy foi ilegal, e a súa concesión -na práctica- caducou definitivamente en xullo de 2018; e ENCE ten que abandonar Lourizán e -en todo caso- buscar unha alternativa para trasladarse, asumindo que, de non querer facelo en Galicia, terá que marchar fóra, por suposto. E resulta realmente escandaloso que se pregunte Vde. “quen se vai facer cargo do traslado”? Sra. Vázquez, quen vai facelo máis que a empresa ENCE, que sabía que no 2018 caducaba a concesión? como tamén ten que asumir que ten a obriga de recuperar os terreos que ocupa para devolvelos ao estado no que os atopou no ano 1958. E Vde., Sra. Vázquez, como representante pública, ten a obriga de velar porque se cumpra a Lei e pola defensa do ben común fronte aos intereses exclusivos dunha empresa que non só estraga o medio ambiente e os recursos naturais, senón tamén a economía da comarca e a saúde e a calidade de vida das persoas que viven nela.

Máis en Cartas
Comentarios