Os responsábeis de Adif descarregan no maquinista toda a responsabilidade do accidente de Angrois

Declaran perante o xuíz que na curva da Grandeira non estivo nunca instalado un sistema de freado ERTMS, polo que o condutor do comboio sería, ao seu entender, o único responsábel de controlar a velocidade


Os responsábeis de Adif que esta cuarta feira prestaron declaración perante o xuíz Luís Aláez acolléronse ao que sinala "o regulamento" para sinalar que a sinalización na curva da Grandeira, onde o 24 de xullo un accidente de tren deixou 79 vítimas mortais, era "a correcta". 

Descarregaron a culpa sobre os ombreiros do maquinista, Francisco Garzón, reiterando que nese tramo non estivo instalado nunca un sistema de freado ERTMS, polo que o traballador do comboio sería o único responsábel de controlar a súa velocidade, dixeron.

Segundo o testemuño de Jesús Alonso, o avogado das vítimas personadas na causa, os dous directivos que foron chamados a declarar respostaron "con evasivas", criticando que "non responderon correctamente as preguntas formuladas" e eludindo calquera responsabilidade de Adif no sinistro.

Con todo, o tamén letrado das vítimas José Lorenzo defendeu a imputación do actual responsábel da seguridade na circulación desta empresa, Manuel Besteiro, mais pediu que compareza tamén perante o xuíz a persoa que desempeñaba ese cargo en xuño. Segundo Lorenzo, "foi el quen mandou quitar os sinais de seguridade e, por tanto, o principal responsábel". 

Comentarios