A xornada de hoxe viviu dúas novas manifestacións do sector hostaleiro para denunciar a súa situación. A primeira foi en Ferrol, convocada pola asociación Hostaleiros e Autónomos de Ferrolterra (HAF). O seu voceiro, Suso Mateo, rexenta desde hai 23 anos, un estabelecemento que leva meses fechado e con tres persoas cun expediente de regulación de emprego (ERTE).
"A maior parte dos que estamos aquí levamos moitos anos neste sector", explica a Nós Diario, "temos os negocios fechados mais continuamos cos gastos", engade. Ademais de manifestarse, realizaron unha recollida de alimentos para a cociña económica. "Como sigamos así acabaremos nós comendo alí", asegura.
Pola tarde a protesta foi en Muros, organizada pola asociación Hostalaría e Turismo dese municipio. Eloi Fernández, o seu presidente, indica que malia ter un turismo estacional "se ao inverno, que xa é duro, lle quitas todos os ingresos éo aínda máis". Na reivindicación do sector neste municipio queren salientar que "non é só polo ben das nosas empresas, é polo nivel de emprego que queremos seguir mantendo". Afirma a Nós Diario que "se destruímos emprego non teremos ingresos, e quen virá aos bares?".
A decisión da xustiza vasca
A hostalaría galega recibiu de forma "positiva" a decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Euskadi (TSXE) de ordenar, como medida cautelar, a reapertura dos bares e restaurantes. Agora ben, hai diferentes posicións en relación a seguir esa vía ou non pola diferenza entre lexislacións. "É obvio que nós non temos a culpa", salienta Eloi Fernández, quen lembra que "hai lugares onde fechou a hostalaría e seguiron aumentando os casos".
Desde Ferrolterra, Xurxo Mateo, considera que a resolución vasca "pode sentar precedente”. "Aquí hai despachos de avogados que se ofreceron para presentar recursos, non sabemos como estaremos de aquí a seis meses", engade. Lois Lopes, voceiro de Hostalaría Compostela e da Plataforma en defensa da hostalaría galega, lembra que o sector xa recorreu o fechamento e pediu a finais de agosto medidas cautelares como as agora aceptadas en Euskadi, pero que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) rexeitou por antepor o "interese xeral".
A resolución da querela, con todo, non se produciu e aínda que o auto "reforza a liña discursiva" das súas esixencias, Lois Lopes di que a posibilidade de abrir a curto prazo non fai menos necesario un "plan de rescate completo" que alivie a "situación crítica do sector". "Abrir mañá tampouco nos solucionaría nada", subliña.
Tamén desde Lugo, o representante dos seus hostaleiros, Cheché Real, instou a tomar con prudencia a resolución, os termos xurídicos nos que se formulou e o seu alcance, mais se finalmente se confirma que os fechamentos non están xustificados, podería dar lugar a "unha avalancha de indemnizacións tremenda".
A Consellaría de Sanidade responsabiliza a hostalaría
En todo caso, a resolución da xustiza vasca reforza a idea que se ten desde o sector que están a facer as cousas ben. “En toda a hostalaría de Ferrol só coñezo dous casos de Covid-19 e non foi traballando”, explica Mateo.
Non opina así a Consellaría de Sanidade, ao non ter "ningunha dúbida" de que a hostalaría "inflúe na transmisión" e que "actúa de forma importante no número de contaxios", que descenden, asegurou, ao adoptar medidas.
Actualización dun Plan de Medidas
"Estamos preparando un Plan de medidas e en breve sacaremos unha actualización, hai que ter en conta que levamos máis meses con restricións", asegura Lopes. A nova proposta parte dos avances da anterior, como a de dedicar 1% do orzamento das Administracións para indemnizar o sector.
Ademais, demandan que sexa de carácter plurianual, como mínimo de tres anos, até 2024. O hostaleiro compostelán critica, ao respecto, que, fundamentalmente PP e PSOE, "se metan nunha serie de leas partidistas mentres o sector esmorece".
A nova Lei de residuos e a venda a domicilio da hostalaría
A maioría absoluta do PP no Parlamento galego permitiu a pasada terza feira a aprobación definitiva da nova lei de residuos e chans contaminados da Galiza. Entre outras medidas, obriga os restaurantes a empregar de maneira exclusiva envases sen plásticos e preferentemente reutilizábeis. O sector, na súa maioría, coincide con esta medida aínda que cre que debería terse en conta a situación actual de pandemia.
"Desde o punto de vista ecolóxico a min paréceme correcto, aínda que agora habería que facer outro tipo de transición que non poña máis gastos a un sector asfixiado", sinala Eloi Fernández, quen lembra que "ademais, teremos que sumar o imposto ás bebidas gasosas, nun momento en que non podemos subir os prezos".