Opinión

Resgate e propaganda

Feijóo xa vai preparando a opinión pública para o inevitábel resgate de Galiza, a que pintaba como a comunidade autónoma máis solvente do Estado. Tamén o sistema financeiro español era a envexa da Unión Europa, segundo afirmaba Zapatero nos albores da pequena desaceleración da economía que, oh surpresa, acabou por se tornar na maior crise do capitalismo desde 1929.

Feijóo xa vai preparando a opinión pública para o inevitábel resgate de Galiza, a que pintaba como a comunidade autónoma máis solvente do Estado. Tamén o sistema financeiro español era a envexa da Unión Europa, segundo afirmaba Zapatero nos albores da pequena desaceleración da economía que, oh surpresa, acabou por se tornar na maior crise do capitalismo desde 1929. Os políticos do establishment non é que profesen o optimismo antropolóxico que se predicaba da malograda estrela emerxente da socialdemocracia na UE: é que viven prisioneiros das consignas e do fogo fatuo dos titulares de imprensa e dos chíos das Redes, tan efémeros.

"En campaña, Feijóo perpetrou unha fraude política ao ocultar a verdadeira situación das nosas contas públicas"

En realidade, Feijóo sabe desde hai meses que o resgate de Galiza é incontornábel. Éo porque o noso sistema de financiamento nos condena á dependencia e éo porque o capital financeiro privado está desatado, máis depredador e insaciábel que nunca, e os xuros que pide polos seus cartos son escandalosos, a engordar a burbulla da débeda pública até que estoupe.

É incontestábel que o candidato do PPdeG, e agora presidente, perpetrou unha fraude política ao ocultar á opinión pública galega, durante a campaña eleitoral de Outubro, a verdadeira situación das nosas contas públicas: esa que nos vai levar de cabeza ao resgate.

Atent@s, alén do máis, á inminente publicación dos novos dados da EPA que se albiscan estarrecedores para Galiza. O aparato propagandístico de San Caetano, o público e o para-público, non vai dar feito.

Comentarios