Opinión

Sobre as reservas do Sr. Feijóo co twitter e as redes sociais

Vaites, pois vai ser que ao Sr.  Feijóo non lle gusta o twitter… Seica aposta por repetir coma Presidente da Xunta de Galicia e acusa aos seu adversarios de frivolizar a política e  “querer repartirse España  no twitter”.

Será que o Goberno galego non se manexa  ben nas redes? Será que a conta oficial da Xunta  foi pillada compartindo varias veces idéntico contido que a conta oficial do PP de Galicia? Será que malia os centos de contas con perfís falsos e troles, as redes sociais funcionan como medio alternativo de información que non atende a subvencións, e iso, claro está, non mola? 

O sr. Feijóo que critica o “postureo” da política actual,  intúe que grande parte das redes sociais escapan ao seu control e dan voz a grupos de persoas ás que dende o seu Goberno se lles quixo ou quere acalar. Quizáis descoñeza que quen nos movemos no twitter estamos moi en contacto co que acontece na rúa, cos problemas da  xente do común; somos cidadáns aos que non nos gusta a realidade manipulada que nos presentan cada día os propagandísticos medios de comunicación constantemente subvencionados por un goberno desconectado totalmente da realidade do seu pobo, goberno que desgrazadamente prefire outras compañías máis selectas.

É de supoñer que moit@s galeg@s que andamos polas redes, ao exercer a crítica que outros non fan, tampouco lle gustemos ao Sr. Feijóo.  Algúns, di,  seica acabamos de chegar e non temos nin idea do que queremos defender, aínda que xa pasemos dos 40 e levemos unha rodaxe vital máis que suficiente para detectar cando se nos toma o pelo ou cando se nos quere manipular.

É de supoñer que moit@s galeg@s que andamos polas redes, ao exercer a crítica que outros non fan, tampouco lle gustemos ao Sr. Feijóo

O Sr. Candidato do PP prefire estar en contacto coa realidade que debuxa dende os seus despachos; prefire, como non, estar en contacto con amizades que lle poñen ao día do que é mellor para a elite á que representa, elite que choca radicalmente coas necesidades da maioría da poboación galega.

Feijóo prefire estar en contacto coas portadas dos medios,  financiados con cartos de tod@s polo seu goberno, que lle fan o xogo aos intereses e interesados que camiñan da súa man;  prefire ler esas noticias debuxadas con mensaxes subliminares para mover as ovellas dun lado a outro; iso sí lle mola, claro, e non a realidade que se plasma nas redes sociais, nas que moitas veces nos convertemos en reporteiros circunstanciais para amosar realidades silenciadas ou presentadas interesada e parcialmente nos medios afíns ao Sr. Presidente.

Quizais se tiveramos medios de comunicación decentes e verdadeiramente independentes non teriamos que emigrar en desbandada ás redes sociais coñecedores, é tan evidente, de que hai certos problemas graves no país dos que nunca se vai informar amplamente porque esa non é a realidade da que nin o Sr. Núñez Feijóo nin o seu Gabinete queren presumir, nacional e internacionalmente.

Quizais se tiveramos medios de comunicación decentes e verdadeiramente independentes non teriamos que emigrar en desbandada ás redes sociais

Quizais o Sr. Presidente da Xunta descoñece que cada vez máis xente evita escoitar as noticias cociñadas na TVG, onde cada vez máis profesionais se rebotan por non poder emitir as noticias sen pasar antes por censura e consignas partidarias, tal e como denuncia “Eu non manipulo”; ou ignora que os telexornais da TVE non deixan de recibir diariamente centos de queixas e denuncias polo seu nesgo descarado e vergoñento.
  
Hai xa tempo, Sr. Feijóo, que a xente do común está ansiosa por teren alternativas, tanto mediáticas como de goberno. E non é postureo, é cansanzo, é indignación, é necesidade de sobrevivir nun país que tamén é noso e non só duns poucos. 

Por certo, nada di o Sr. Feijóo do WhatsApp… recibiría xa algunha mensaxe de ánimo de Rajoy?

Comentarios