Análise

Rescatar do esquecemento

Deberiamos esixir, e esixirnos, unha certa sensibilidade ante o que fixo parte do noso itinerario máis recente, ante as figuras que compartiron o camiño, sequera nunha pequena porción, connosco. E non conformarnos cos tópicos que simplifican e desvalorizan traxectorias importantes.
Unha escena do Hamlet dirixido por Lino Braxe en 2007
photo_camera Unha escena do Hamlet dirixido por Lino Braxe en 2007

Agora que os obituarios os escribe a Wikipedia, sería bo lembrar que houbo un día en que conservábamos algo de memoria sobre as persoas que nos rodeaban, sobre as cousas que sucederan na nosa contorna. Talvez é moito pedir –nunha época de narcisismo apampado en que o mundo só se considera na medida en que poida servir de fondo para un selfie– que exista unha intensa conciencia do sentido histórico dos acontecementos; mais quizais non sexa tan disparatado esixir, esixirnos, unha certa sensibilidade ante o que fixo parte do noso itinerario máis recente, ante as figuras que compartiron o camiño, sequera nunha pequena porción, connosco.

A dolorosa morte de Lino Braxe e a lectura do que se escribiu sobre el nesa tráxica circunstancia –coas decorosas excepcións das lembranzas que se fixeron dende a amizade– leva a pensar que tamén a morte, nestes días, é unha dilixencia que se tramita a través dos formularios administrativos que lle conceden á cultura un pequeno lugar nese selfie colectivo que tranquiliza as nosas conciencias. Palabras rituais escritas dende a ignorancia, ou talvez peor, dende o desleixo. 

O teatro era para Lino Braxe unha paixón que o movía dun xeito que merecería maior atención que a que parece espertar nas notas de prensa.

 

O teatro era para Lino Braxe unha paixón que o movía dun xeito que merecería maior atención que a que parece espertar nas notas de prensa. Por iso, desconcerta que case ninguén mencione unha obra prolífica como dramaturgo que está á espera dun editor que a publique: A actriz, A promesa, Romano, A espada de Raex, A amarga emoción do perdido, Marta, A delgada liña boba, A mamma… Sorprende que o seu traballo como director sexa ignorado: o que significou no seu momento, por exemplo, o esforzo por levar a escena un Hamlet –que naqueles días se alcumaba de “modernizante”– dende un teatro privado apenas existente en 2007. Nin da formidable sorpresa que significou na escena galega da época aquela parella de obras de José Prieto, Fobias e Carambola, montada coa compañía de Ernesto Chao e Rosa Álvarez, Lagarta lagarta. Ou de como o espectáculo Mundo Lois traduciu en termos escénicos o entusiasmo xerado por un Día das Letras dedicado a Lois Pereiro. 

Non se entende que ninguén lembre o esforzo –este si– por rescatar do esquecemento a obra teatral de Jenaro Marinhas del Valle ou de Luísa Villalta; ou a edición desa xoia que é o libro sobre Luís Seoane e o teatro, editado xunto con Xavier Seoane. Por non falar dese raro –no noso ámbito – volume que debuxa o perfil dunha actriz tan chorada por uns como ignorada pola maioría: Marisa Soto: a voz máis humana.

Sorprende que ninguén destaque a presenza case constante do Braxe actor, o seu voluntarismo militante á fronte de Teatro Maltés, a súa dedicación infatigable ao grupo de teatro da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. Todo iso queda reducido a un menesteroso adxectivo: “polifacético”.

Se cadra non ten nada a ver con Braxe senón coa consideración que o teatro ten nestes días no panorama cultural galego: algo que só se celebra cando unha compañía estrea en Madrid, cando un premio o leva a primeiro plano da “actualidade”. Ou cando unha morte obriga a falar dese traballo colectivo que ocupa tantas vidas cunha recompensa tan escasa.

Comentarios