Opinión

República

[Xoán Costa] 

Moi mal debe estar a Monarquía e moi inseguras se deben sentir as forzas políticas que a amparan para que no 89 aniversario da proclamación da II República española un comentario no Facebook do vicepresidente do Goberno de España se torne o alvo da discusión pública. Comentario que apenas ten o valor dun Requiem nun ritual oficiado por quen ultimamente abraza o libro sagrado da Constitución Española que outorga a Monarquía como forma de Estado e que nega a Galiza, igual que a negaba aqueloutra Constitución republicana de 1931, negación que levantou rexeitamento na Galiza e levou á proclamación da I República Galega en Ourense o 27 de xuño de 1931.

Quen hoxe nos goberna, aquí na Galiza e aí polo mundo adiante, non para de proclamar que da COVID-19 se derivará unha nova forma de nos relacionar no ámbito persoal. Do que nada se di é como vai ser a relación Galiza-Estado agora que se demostrou, máis unha vez, que a xestión centralizada da pandemia non foi eficaz. Cousa distinta é se Feixoo o faría mellor.

Comentarios