A República galega de 1931

Demostrou a capacidade de loita do pobo galego, a conciencia do espolio e da discriminación do país e o convencemento das súas fortalezas para valerse por si mesmo. Os sucesos vividos nos últimos días de xuño de 1931, que remataron coa proclamación da República galega en diversas cidades e vilas, superan a anécdota histórica para nos informar das potencialidades do país. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza.

foto2_DuplaSociedade
photo_camera [Imaxe: Cedida]

3_DuplaSociedadeA suspensión das obras do ferrocarril Madrid-A Coruña nos seus tramos galegos polo Goberno provisional republicano foi o detonante do estoupido social que remataría coa proclamación da República galega. A decisión de paralizar os traballos decretada polo ministro de Fomento Álvaro de Albornoz, atendendo aos recortes orzamentarios ordenados polo máximo responsábel de Facenda, Indalecio Prieto, implicaba deixar sen traballo arredor de quince mil traballadores empregados nos tramos galegos da obra e paralizar unha infraestrutura que acumulaba décadas de retrasos.

O camiño de ferro Madrid-A Coruña fora proxectado en 1855, correspondéndolle a autoría do trazado ao destacado político liberal Práxedes Mateo Sagasta. Porén, a súa execución non principiaría até décadas despois, sendo retomado á altura de 1926 no marco do programa de obras públicas impulsado pola ditadura de Primo de Rivera e rematado á volta dos anos cincuenta.

O Goberno paraliza as obras

As protestas de xuño de 1931 non se explican sen a existencia dunha conciencia de agravio e marxinación na sociedade galega. Alén das reivindicacións inmediatas e concretas de orde laboral, neste conflito será decisivo o malestar polos retrasos nas obras dunha infraestrutura que se consideraba chave para o país e pola decisión do Goberno republicano de priorizar actuacións noutras partes do Estado, como por exemplo en Bilbo, a cidade do dirixente socialista e ministro de Facenda, Indalecio Prieto.

A este respecto son ben significativos os editoriais de diversos medios de comunicación galegos, sinalando El Emigrado da Estrada que “a suspensión formulará un problema aterrador para 15.000 obreiros condenados ao paro forzoso e, o que aínda é máis lamentábel, para nós os galegos coincidirá cunha concesión que se lle fixo ao de Bilbo”. O mesmo xornal estradense sintetizará o problema afirmando que “o pobo galego non podía nin debía consentir que o humillasen privándoo dunha das súas maiores aspiracións e dándolle trato de desigualdade respecto doutras rexións”.

O conflito acadou unha dimensión nacional malia que a súa intensidade foi maior naquelas comarcas onde se estaban executando as obras do ferrocarril. Así, outra vez El Emigrado sinalaba, após dar conta da proclamación da República galega en Ourense e Santiago de Compostela o 27 de xuño, que “tamén se tería secundado este último día aquí na Estrada e noutros pobos de Galiza de non recibirse un telegrama de Madrid comunicando a continuidade das obras”.

Na mesma liña, sabemos da declaración da independencia da Galiza no Carballiño, capitalidade da comarca considerada como auténtica zona cero da protesta, onde, tras a dimisión do alcalde e dos concelleiros da corporación en sinal de protesta, unha manifestación formada por operarios das obras e poboación da vila toma o Concello o 23 de xuño, promulga o Estado galego e planta lume á bandeira española, nuns feitos nos que se significará Ernesto Atanasio, “O Corcheiro”, na altura militante da CNT, posteriormente afiliado á Sociedade Nacionalista Pondal e, andado o tempo, militante da AN-PG e do BNG.

[Podes ler a peza íntegra no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios