Represalia sindical no colexio Junior´s: despedidas 4 traballadoras que denunciaron impagos e irregularidades

Denúnciao CIG-Ensino, que sitúa esa decisión da dirección nun intento de “amedrentar” o persoal. O sindicato puxo os feitos en coñecemento de Inspección laboral.

 

juniors

Catro traballadoras do colexio Junior´s de Santiago de Compostela, entre elas unha administrativa con 22 anos de antigüidade e que ía ser candidata da CIG, foron despedidas esta segunda feira pola dirección do centro. Así o denuncia a central nacionalista, que denuncia o que considera a todas luces “unha represalia sindical”. As outras tres despedidas tamén están afiliadas á CIG-Ensino.

Estas catro persoas facían parte do grupo de traballadoras que denunciaron publicamente as irregularidades contractuais, os despedimentos e os impagos que se veñen producindo no centro no último ano.

Ademais da administrativa, as outras traballadoras despedidas son: a celadora, vinculada ao Junior´s desde o ano 2009 ou ben mediante contratas ou mediante subrogación e á que desde a súa incorporación en decembro tras o permiso por maternidade non lle tiñan asignada ningunha función no seu posto de traballo. Igualmente foille comunicado o despedimento a dúas traballadoras da limpeza, unha delas con máis de 12 anos de traxectoria e a outra contratada desde o ano pasado pero á que lle aplicaron unha cláusula de descolgue salarial totalmente ilegal.

Rubén F. Monteagudo, responsábel comarcal de CIG-Ensino, puxo en coñecemento da inspección laboral esta situación e xa deu instrucións ao servizo xurídico do sindicato para iniciar os trámites de denuncia para reclamar a nulidade dos despedimentos. “Está que esta decisión responde a unha persecución directa por parte de Diego Rosales a quen deu a cara denunciando a situación no centro e pretende que o persoal que aínda está traballando teña medo a dar un paso adiante para optar á representación sindical e a seguir denunciando as irregularidades laborais que se produciron desde o inicio da súa xestión”.

A CIG-Ensino ten previsto convocar unha mobilización en defensa da readmisión do persoal e para reclamar que se paguen os salarios adebedados. A concentración será esta quinta feira, 14 de febreiro, ás 11 horas diante do centro educativo.

Comentarios