Represión “franquista” por se candidatar pola CIG nunhas eleccións sindicais

A empresa de autocares Ojea despediu un traballador após se candidatar a delegado pola central sindical nacionalista e persegue a quen votou por el.

2017-05-23 ProtestaDespidoAutobusesOjea01
photo_camera A CIG realizou xa varias protestas diante da empresa. [Imaxe: CIG]

“As cousas inda se rexen como há corenta anos. Con patróns que non saben que a ditadura franquista acabou, porque estes patróns representan a continuidade do franquismo coas máis rancias actitudes do vello caciquismo, tan presente en tantos lugares de Galiza”. Desta maneira denunciou a CIG un caso de represión antisindical na empresa autocares Ojea, en Ponteareas. A dirección decidiu despedir o pasado mes de maio a un traballador alegando “perda de confianza”, despois de que este se candidatase polo sindicato nacionalista nas eleccións sindicais realizadas na empresa.

O cesamento produciuse após unha vaga de acoso laboral que atinxiu ao despedido e mais a outro compañeiro, quen tamén se presentara pola CIG en anteriores comicios. Unha vez celebradas as últimas eleccións, nas que saíu elixido o candidato proposto pola UGT e nas que a CIG logrou o apoio dun terzo do plantel de traballadores. A partir dese momento, segundo denuncia a central nacionalista, a empresa propiedade dos irmáns  Carlos e Manuel Pino González, emprendeu unha pescuda para saber que empregados apoiaran a candidatura da CIG. Unha vez identificados estes empregados eran retirados das liñas regulares que xestiona a empresa, o que lles retiraba o dereito a percibiren un plus salarial, do 20%. “Desta maneira, redúcenlles as nóminas para que se cansen e opten por abandonaren eles propios a empresa”, denuncian. Aliás, estes traballadores son obrigados a retornaren a casa unha vez concluída a súa función de condutores de autobuses escolares, cando o resto do plantel ten de regresar aos talleres. Con esta medida discriminatoria, priváselles do abono do xantar, mermando novamente as súas retribucións. A reclamación das dietas pendentes e outra a respeito da antigüidade foron, anteriormente, obxecto de dúas denuncias xudiciais contra a empresa. Desta volta, o sindicato demanda a nulidade do despedimento. O xuízo terá lugar o próximo 25 de agosto nos xulgados de Vigo.

Diante desta situación de “represión e abusos”, a CIG xa realizou tres concentracións diante das dependencias da empresa. “Autocares Ojea é un exemplo de empresas nas que a profesionalidade do persoal mídese polo nivel de obediencia e acatamento das ideas do patróns. Onde dezasete anos de desempeño laboral impecábel pouco valen cando o traballador ou traballadora non se somete ás ideas do patrón”, explican. 

Explotación

Segundo o sindicato, os propietarios de Ojea están “afeitos a caciquear cos traballadores e traballadoras e a coartar a súa liberdade para exercer os seus dereitos sindicais”. O último exemplo diso é o feito de obrigaren ao plantel a facer traballos de ampliación da nave da empresa. Unhas dependencias que xa foran construídas anos atrás polo propio persoal, malia estaren contratados como condutores de autobús.


 

Comentarios