Opinión

Grupo parlamentar: a renuncia da Marea

É-me difícil de entender por que En Marea non rexistou o seu grupo parlamentar como si o fixo Compromís

É-me difícil de entender por que En Marea non rexistou o seu grupo parlamentar como si o fixo Compromís, por que non deu a batalla, por que acabou optando por se inserir no grupo chamado confederal de Podemos, baixo a chefía de Pablo Iglesias.

A argumentación de que a solicitude de constitución do grupo parlamentar propio estaba condenada ao fracaso pola oposición da maioría da Mesa non se ten de pé: un non pode/debe renunciar ás primeiras de cambio a unha causa que xulga xusta e que, aliás, é un compromiso eleitoral. É isto o rupturismo? É esta á rebeldía? En política os símbolos son moi importantes, os de Podemos sábeno ben. Que simboliza esta manobra? Pouca firmeza perante o muro madrileño. É esta a afouteza coa que se tenciona asaltar o búnker?

Ítem máis: ao renunciar a constituír grupo, renúnciase aínda a petar nas portas do Tribunal Constitucional. Non me vale o contra-argumento de este ser un tribunal político controlado polas elites españolas. Xa o sabemos: mais do que se trata aquí é de se se quer ou non dar a batalla política até o final, de se se mantén ou non o compromiso adquirido co eleitorado.

Un non pode/debe renunciar ás primeiras de cambio a unha causa que xulga xusta e que, aliás, é un compromiso eleitoral

A decisión tórnase máis incomprensíbel se cabe ao contrastar coa de Compromís. A formación valenciana, que si rexistou o seu grupo proprio, axiu como axiu pola presión política exercida no seu seno polo Bloc Nacionalista Valenciá. Eles si se ativeron ao compromiso eleitoral.

Non enredo máis con esta cuestión. Os aspectos formais de apresentación da xogada -grupo confederal, non disciplina de voto ["non me imaxino ningunha votación neste Congreso en que teñamos unha posición diferente", dixo Errejón], etc- son pura maquillaxe. En Marea insírese nun grupo de ámbito estatal e iso é todo. Do ponto de vista da súa coherencia o lóxico tería sido rexistar o grupo proprio e, logo de ter sido rexeitado, ter ido ao mixto. Iso visualizaría En Marea como unha entidade propria, non enfeudada. O BNG estivo 20 anos no grupo mixto e sempre foi percibido como unha representación xenuinamente galega. En Marea vaino ser como un apéndice de Podemos: e non só, como xa a está a acontecer, pola inmensa maioría dos mass media, senón tamén pola grande maioría da populación galega.

O que ten que explicar En Marea agora é por que se comprometeu en campaña a algo que non estaba na súa man conseguir, a algo que dependía de actores políticos non galegos

Amigas e amigos, parafraseando Arsenio Iglesias, a política é moi difícil. Mais ás veces non o é tanto: Carolina Bescansa xa o anunciara no mes de agosto pasado: o do grupo parlamentario galego, indo Podemos dentro, non ía ser posíbel. O que ten que explicar En Marea agora é por que se comprometeu en campaña a algo que non estaba na súa man conseguir, a algo (que se tolerase a formación dun grupo participado por deputados de forzas políticas estatais) que dependía da vontade política de actores non galegos.

Nun artigo anterior lancei a pergunta de cantos deputadxs iría ter Podemos no Congreso. Desde esta terza feira 19 de xaneiro xa coñecemos a resposta.

Comentarios