A remuneración das traballadoras na Galiza por hora é inferior en 3 euros á española e en 7 á europea

A fenda varía segundo sectores, sendo notábel en actividades ligadas á información e comunicación ou actividades profesionais científicas e técnicas.

Galiza ten unha remuneración de persoas asalariadas por hora inferior á media da Unión Europea en todos os sectores. Unha remuneración, por certo, que tamén está por baixo da media española, agás en dous campos: pesca e agricultura, por unha banda, e administración pública, seguridade social obrigatoria e servizos sanitarios por outra.

O salario medio dun traballador ou traballadora na Galiza por hora é de 17 euros, segundo os dados recollidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e correspondentes a 2018. Son 2,7 euros menos por hora que o que recibe de media unha persoa asalariada en España. A comparación coa media Unión Europea demostra xa unha fenda considerábel: son 23,7 euros por hora, case 7 máis que a como se paga a hora na Galiza.

Esta diferenza entre Galiza e UE dáse en todos os sectores e actividades. As diferenzas son menores no caso do sector primario ou no sector da administración pública, sanidade e educación e relativamente importantes en sectores como o sector da información e das comunicacións ou actividades inmobiliarias. As actividades financeiras e de seguros e a administración pública, sanidade e educación son os sectores que presentan unha maior remuneración por hora en Galiza. En España e na UE28 tamén son estos sectores de actividade, xunto co de información e comunicacións, os mellor remunerados.Un traballador ou traballadora da rama da Industria e Enerxía recibe na Galiza unha remuneración media de 18,8 euros por hora efectiva pagada. No Estado español reciben 21,5 euros (2,7 euros máis) e na Unión Europea 24,4 (5,6 euros máis que no noso país).

Tamén na Industria manufactureira existe esta fenda salarial. Mentres a remuneración media na UE para un asalariado desta actividade por hora é de 24,2 euros, na Galiza cae até 18,4 euros, o que é case 6 euros menos. A media española é de 20,9 euros, o que é 2,5 euros máis que a galega.

A remuneración por hora asalariada en Galiza alcanzou en 2018 os 17 euros. Esta cifra supón 72% da remuneración por hora na UE28

Outro sector importante na Galiza é o da construción, con por volta de 70.000 traballadores, e onde a remuneración da hora (16,9 euros) mantense á par da española (16,7) mais a catro euros/hora da media da UE dos 28, onde se paga a case 21 euros. O sector servizos tamén é exemplo de fenda: os 17 euros/hora de media que se pagan na Galiza a unha persoa asalariada neste sector fican por baixo dos 20,2 euros de media española e dos 24 euros que se pagan en Europa.

No sector primario cambian as tornas. En agricultura, gandaría, silvicultura e pesca Galiza presenta mellor rexistro que España. A hora efectiva asalariada é alí a 6 euros mentres no noso país está en 10,9 euros. Case ao nivel da UE, onde se paga a 11 euros.

Unha das fendas máis grandes dáse nas actividades ligadas coa Información e a Comunicación. Os 17,9 euros por hora de retribución media na Galiza arroiban perante os 28,8 euros do Estado español e xa non digamos fronte aos 34,8 euros de media europeos.

A remuneración por hora asalariada na Galiza alcanzou en 2018 os 17 euros. Esta cifra supón 72% da remuneración por hora na UE28. Este diferencial Galiza-UE28 reduciuse entre o ano 2000 (a remuneración hora galega representaba daquela 67% da europea) e 2009, no que a remuneración por hora asalariada alcanzou o 79%. Desde ese período a diferenza volve medrar.

Comentarios