Cultura

Remata a dixitalización da hemeroteca de 'A Nosa Terra'

Xa se atopan en aberto máis de 1.400 números da etapa contemporánea da cabeceira
Capa do número cero do Capas do semanario 'A nosa  Terra', agora accesíbeis na hemeroteca dixital.
photo_camera Capa do número cero do Capas do semanario 'A nosa Terra', agora accesíbeis na hemeroteca dixital.

A cabeceira A Nosa Terra deixou conta da realidade social de varias etapas da historia da Galiza. "Xornalismo desde 1907", líase na capa das edicións máis recentes da publicación. O número cero aparece dixitalizado na hemeroteca co prezo de 15 pesetas riscado, escrito por riba "exemplar gratuíto".

Aquel primeiro semanal do 2 de decembro abría co conflito entre o uso de diferentes artes de pesca, facendo unha lectura de clase e reclamando a necesidade dunha reforma. Grazas ao seu incipiente nacemento, observábase esta realidade atendendo a unha perspectiva galega. Así o manifestaba a propia portada, deixando unha declaración de intencións do proxecto: "Móvenos o convencemento de que informar, hoxe, desde posicións abertamente galegas é enfrontar unha necesidade".

"Móvenos o convencemento de que informar, hoxe, desde posicións abertamente galegas é enfrontar unha necesidade", lese no primeiro número de 'A nosa terra'

Este, como todos os números publicados na etapa contemporánea, que transcorre desde a refundación en 1977 até a despedida do papel o 29 de xullo de 2010, están xa accesíbeis na rede, en virtude do proxecto de dixitalización que a Fundación A Nosa Terra vén de completar. Son 1.417 os números que se atopan en aberto, para a libre consulta a través da rede no enderezo anosaterra.com.

A idea de ofrecer toda esta colección "era xa un dos obxectivos detrás mesmo da creación da plataforma virtual", explica a Nós Diario o vicepresidente da fundación, o xornalista Xan Carballa. Este labor levouse a cabo grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega, que se encargou da parte técnica e dos gastos derivados dela.

Desde A Nosa Terra non descartan expandir a dixitalización a outros documentos, como as preto de 150 publicacións especiais que se desenvolveron  arredor do xornal.

Un proxecto de base

Cando se refundou, Carballa tiña 16 anos, mais coñece a importancia do accionariado popular, deses apoios da base social como única vía para que un proxecto desta sorte, con esa óptica, saíse adiante. Un "esforzo xigantesco que hai que recoñecer", reivindica.

O fito transcendental d'A Nosa Terra foi "facer propia a construción de información, o discurso dos media", explica Margarita Ledo. A actual catedrática de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade Santiago de Compostela foi unha das principais promotoras do proxecto de 1977, así como a súa primeira directora nesa etapa do periódico que durou até 1980. A partir de aí, sucederíaa no cargo Xosefina López Corral e Afonso Eiré.

O fito transcendental de 'A Nosa Terra' foi "facer propia a construción de información, o discurso dos media", explica Margarita Ledo

"Por unha banda, recupérase o dereito a facer información en lingua galega e en relación coa sociedade de pertenza", explica Ledo. Pola outra, ese vínculo "ponse ao día e actualízase de acordo coas coordenadas da situación e a falta de tratamento de determinados temas na prensa ordinaria".

En terceiro lugar, "entran toda unha serie de persoas, grupos e posicións que non estaban divulgadas a nivel de prensa ordinaria, aínda que aparecesen en medios máis especializados", conclúe Ledo.

"Entran toda unha serie de persoas, grupos e posicións que non estaban divulgadas a nivel de prensa ordinaria", comenta Ledo

De tal xeito, un dos trazos fundamentais do xornal foi dar espazo a outras fontes, fóra das oficiais, que se consideraban representativas da sociedade, traballando co que hoxe chamariamos "información de proximidade". Así, clases traballadoras, movementos sociais e culturais, e os feitos eran a materia coa que se elaboraba a información desde esa perspectiva propia.

A ollada nacionalista

"Desde o primeiro momento defínese unha liña editorial nacionalista", conta Ledo, da que as persoas lectoras eran perfectamente conscientes. Nesta nova etapa, o semanario incluía seccións como "O dereito e a razón", no que se procuraba a diferenza entre a norma e como se lexisla. Ademais, atópanse tribunas de aspectos pouco tratados sobre diferentes eidos do coñecemento, cunha ampla base de colaboradoras. Recuperábanse ao tempo seccións d'A Nosa Terra histórica, como "Poleiro alleo" ou "A terra asoballada".

"O importante dos medios é o que queda", declara Carballa

Todo iso ademais da información máis puramente xornalística nos seus diferentes xéneros: crónicas, reportaxes, entrevistas... "O importante dos medios é o que queda", declara Carballa. O legado d'A Nosa Terra é, pois, esa hemeroteca que agora se ofrece en aberto ao conxunto da sociedade, na que se pode observar a realidade galega desas tres décadas. "O balance son os seus propios números", entende o xornalista.

Propostas de relectura

O acceso á colección completa d'A Nosa Terra ten unha utilidade especialmente destacada desde o punto de vista da investigación, mais pode resultar interesante para toda a cidadanía. De facto, indica Carballa que nos últimos días están a "rescatar entrevistas e informacións publicadas para ligalas coa actualidade".

Cando partillaron a nova da fin do proceso de dixitalización "todo era alegría", comenta Xan Carballa, pois o logro é, en certo modo, espello de toda esa xente sen a cal A Nosa Terra non sería posíbel.

Continuidade do proxecto

A Nosa Terra presenta para Carballa "continuidade dentro das discontinuidades" que, desde 1907 até máis de 100 anos despois, atravesou, pasando por "distintos avatares". Nacía da man de Solidaridad Gallega en 1907, para ser recuperado polas Irmandades da Fala en 1916 e pasar, no ano 1932, a divulgar o ideario do Partido Galeguista. A parada dramática cun número no prelo en 1936 ten seguimento no exilio, como voceiro da Irmandade Galega da Arxentina entre 1942 e 1972.

Na súa etapa contemporánea, o xornal funcionou principalmente como semanario, aínda que en diversos períodos se viu obrigado a saír quincenalmente. En decembro de 2007 comeza a publicarse unha edición electrónica. Os problemas económicos levarían ao feche do papel en 2010. A partir dese momento, continuou actualizándose o dixital, que fechou temporalmente en 2012 para reanudar en 2018.

O proxecto xornalístico deixa "un legado que se mantén en 'Sermos Galiza' e 'Nós Diario'", considera Carballa

Con todo, Carballa observa que o proxecto xornalístico deixa "un legado que se mantén en Sermos Galiza e Nós Diario". Neste senso, considera fundamental termos hoxe "información fresca e actualizada, que mete o dedo onde o hai que meter". Porque se ben a información é poder, tamén pode ser liberadora.

Comentarios