Relatos 'Entre Donas', olladas diversas que habitan unha sociedade patriarcal

Dez autoras diferentes en estilo e biografía partillan páxinas en 'Entre Donas', unha escolma que propón Baía Edicións para visibilizar as verbas de autoras galegas actuais, coa reivindicación de que malia a calidade dos seus textos, os "efectos da sociedade patriarcal" as condenan a unha menor difusión.
Imaxe empregada na promoción do volume 'Entre Donas', de Verónica Ramilo. (Foto: Cedida)
photo_camera Imaxe empregada na promoción do volume 'Entre Donas', de Verónica Ramilo. (Foto: Cedida)

"Non hai que confundir a realidade co desexo dos homes", advirte Ana Luísa Bouza no epílogo de Entre Donas, parafraseando a unha das dez autoras que partillan os seus capítulos, non descubriremos cal.

Tampouco "hai que confundir a literatura coa ollada masculina. A simple acción de escribir, de pasar de lectora a autora, de decorado a protagonista, cambia a literatura porque cambia o punto de vista", acrecenta nas súas reflexións finais Bouza, nunha síntese do que subxece baixo o volume.

Así, este volume que sae do prelo da man de Baía Editorial, segundo declara a Nós Diario a directora da empresa e editora do volume, Belén López Vázquez, nace coa vocación de se converter nun "catálogo de escritoras galegas actuais", para dalas a coñecer tanto dentro como fóra do país.

Marilar Aleixandre, Marica Campo, Rosalía Fernández Rial, Inma López Silva, Teresa Moure, Emma Pedreira, María Reimóndez, Eli Ríos, Anxos Sumai e Antía Yáñez aparecen reunidas nas páxinas deste volume con tinta violeta.

Segundo explica a editora, a escolma parte dunha decisión absolutamente individual, baseada no seu gosto persoal. Porén, entrarían tamén en xogo outros factores, como a dispoñibilidade das autoras para escribir. Porque o volume reúne dez relatos encargados ex profeso para conformar esta publicación.

Alén dunha limitación de espazo, a premisa para as historias era o protagonismo feminino. Algo ao que as escritoras se achegan desde unha multiplicidade de perspectivas que constitúe xustamente para López a riqueza e valor deste libro.

"Son todas elas moi diferentes, en estilo, idade ou traxectoria", afirma. Mesmo a normativa se adapta ás preferencias de cada unha, optando polo padrón do ILG ou da AGAL.

Trazos comúns

Malia esas dixerxencias biográficas ou estilísticas que marcan a pluralidade das autoras, podemos atopar nas súas narrativas algúns puntos en común. "Todas denuncian, de maneira máis ou menos evidente, algún efecto da sociedade patriarcal", sintetiza López.

"Todas denuncian, de maneira máis ou menos evidente, algún efecto da sociedade patriarcal", sintetiza López

Algunhas delas céntranse en tópicas novidosas mentres outras volven sobre temas moi tratados, mais fano desde unha ollada diferente, explica. Todas erguen, en definitiva, a súa propia voz.

"O importante é o conxunto, a diversidade na forma de ver a represión que a sociedade exerce sobre as mulleres", insiste. Esa variade de olladas complementa aínda máis o discurso. "Todos teñen un punto de vista interesante", asegura a autora.

"O importante é o conxunto, a diversidade na forma de ver a represión que a sociedade exerce sobre as mulleres", insiste a editora

A elección, admite, tampouco foi doada. É consciente de que fican moitas autoras fóra con méritos máis que suficientes para entrar no volume. Con todo, tampouco se descarta que este proxecto teña algún tipo de continuidade no futuro. "Iremos vendo", di. O que está claro é que "hai moita literatura de muller" nas nosas letras.

Elas, premiadas pero menos recoñecidas?

Aínda que a pandemia obrigou en parte a modificar a estratexia con este volume, finalmente ve a luz a escolma, aínda que terá menos repercusión da agardada como mostra desa ollada feminina do panorama galego, sobre todo de cara ao exterior. A cancelación de feiras limitará, por exemplo, o diálogo previsto con outras literaturas do Estado nestes eventos.

Precisamente, López reivindica, como unha das realidades que esta publicación quere contribuír a paliar, a menor visibilidade que reciben as escritoras no propio país, mesmo cando constatan no sistema literario a calidade  das súas obras.

"Malia levaren unha morea de galardóns -como pode ser o recente Premio da Crítica para Olga Novo e Berta Davila- son menos promocionadas que os homes". O obxectivo era, xa que logo, "pór o foco de atención nelas".

Neste senso, sinala a anomalía de que a máxima representante da nosa literatura sexa unha muller, algo moi pouco habitual. Pero a pesar do referente indiscutíbel no frontispicio de Rosalía de Castro, "eles son máis recoñecidos, hai unha falta de interese" que a editora le como "outro efecto da sociedade patriarcal".

Comentarios