O relator da ONU sobre pobreza insta o Estado español a se mirar no espello

Philip Alston, relator especial das Nacións Unidas sobre extrema pobreza e dereitos humanos, alarma das altas taxas de pobreza no Estado español.

O relator especial da ONU visitou un campamento de traballadoras e traballadores migrantes en Huelva, Andalucía (Imaxe: Bassam Khawaja)
photo_camera O relator especial da ONU visitou un campamento de traballadoras e traballadores migrantes en Huelva, Andalucía (Imaxe: Bassam Khawaja)

O Estado español atópase entre as peores situacións de pobreza da Unión Europea. Así o sinalou na sexta feira, 7 de febreiro, o relator especial da ONU sobre extrema pobreza e dereitos humanos, Philip Alston. Este experto das Nacións Unidas reprendeu España por non tomar a serio os dereitos sociais e sinalou que o Estado "está a fallar por completo ás persoas que viven na pobreza". 

"España debería mirarse de perto no espello", recomendou Alston, desvelando que a imaxe reflectida é a dunha “pobreza xeneralizada e un alto nivel de desemprego, unha crise de vivenda de grandes proporcións, un sistema de protección social completamente inadecuado que arrastra deliberadamente un gran número de persoas a pobreza e un sistema educativo segregado e cada vez máis anacrónico, un sistema fiscal que brinda moitos máis beneficios aos ricos que aos pobres e unha mentalidade burocrática fondamente arraigada en moitas partes do Goberno que valora os procedementos formalistas por riba do benestar das persoas".

Alston lamentou que as persoas encargadas de formularen as políticas "fallasen a quen vive na pobreza"

Eis algunhas das conclusións que deita o informe deste relator especial da ONU após concluír a súa visita oficial na que percorreu durante seis días o Estado.

Alston, sorprendido pola situación da pobreza en España, lamentou que a pesar de darse unha mellora económica, "demasiadas persoas seguen pasando apuros" e apostilou que "a recuperación despois da recesión deixou moitas persoas atrás, con políticas económicas que benefician as empresas e os ricos, mentres que os grupos menos privilexiados afrontan servizos públicos deteriorados que sufriron serios recortes após 2008 e que nunca se restauraron". 

No Estado español a vivenda de baixo custo é "case inexistente" resaltou Alston

Nese sentido, Alston lamentou que as persoas encargadas de formularen as políticas "fallasen a quen vive na pobreza", ao tempo que criticou que "os dereitos sociais rara vez se toman a serio". No Estado español a vivenda de baixo custo é "case inexistente" resaltou Alston, alertando de que o sistema para blindar a asistencia social está "quebrado". Sobre os impostos, o experto da ONU puxo o foco no feito de que as empresas estean a pagar a metade que antes da crise, "a pesar de rexistraren fortes beneficios". 

Alston visitou a Galiza 

Durante a súa estadía, Alston coñeceu lugares que moitas e moitos cidadáns non recoñecerían que se sitúan no Estado, asegurou. "Estiven nun barrio pobre con condicións moito peores que un campamento de persoas refuxiadas, sen auga corrente, electricidade nin saneamento, onde as e os traballadores inmigrantes levan anos vivindo sen ningunha mellora na súa situación", sinalou.

O relator coñeceu barrios "de pobreza concentrada onde as familias crían nenas e nenos cunha grave escaseza de servizos estatais, sen clínicas de saúde, centros de emprego, seguridade, estradas asfaltadas nin subministración eléctrica legal", lamentou.

A Galiza, Euskadi, Catalunya, Madrid, Estremadura e Andalucía acolleron as visitas e xuntanzas que Alston tivo con persoas afectadas pola pobreza, funcionariado das Administracións municipais, autonómicas e central. Tamén o relator se reuniu con activistas, académicas e representantes de organizacións da sociedade civil.

Alston visitou numerosos centros comunitarios e escolas, oficinas de ONG, un centro para persoas con diversidade funcional, un centro de servizos sociais, un asentamento informal para traballadoras e traballadores inmigrantes, un bloque de vivendas privatizadas, un centro de traballadoras domésticas e varias comunidades xitanas.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube 

Comentarios