O informe definitivo sobre a situación das minorías no Estado español elaborado polo relator especial da Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Fernand de Varennes, recolle -por primeira vez- expresamente a vulneración dos dereitos lingüísticos en Galiza. Así o manifesta A Mesa pola Normalización Lingüística, que aponta a que neste informe se denuncia “a incorrecta aplicación da lexislación e das iniciativas a favor do galego”, e que para o seu traballo Fernand de Varennes baseouse nos informes desta entidade como proba de que "as e os galego falantes non poden empregar a súa propia lingua coas autoridades públicas en Galiza, malia o aparente dereito a facelo”.
O informe insta o Estado español a garantir os seus compromisos en relación aos dereitos lingüísiticos, nomeadamente na xustiza e no ensino, e ás comunidades autónomas, no que for da súa competencia.
O relator da ONU evidencia, explia A mesa, a ausencia de avaliación oficial sobre as competencias nas linguas minorizadas do Estado, recolle as limitacións para estudar na lingua propia e insta a “revisar calquera medida que poida reducir a proporción de docencia en lingua minorizada. Recomenda, tamén, ás autoridades españolas “que se aseguren de disporen de recursos apropiados, profesores, persoal de apoio e infraestruturas para que as crianzas das comunidades autónomas con poboacións significativas pertencentes a minorías lingüísticas teñan a posibilidade de estudar nas súas propias linguas”.
Para A Mesa esté é “un primeiro aviso da ONU á Xunta no relativo ao Decreto de plurilingüismo, que se suma ás demandas de derrogación que fixo recentemente o Consello de Europa”.