Investigadores independentes analizan a Burla Negra

O relato da cultura en rebeldía, 16 anos despois

O catastrófico accidente do Prestige e a nefasta xestión gobernamental do mesmo supuxo un antes e un despois na historia recente de Galiza. Politicamente canalizou o ciclo que desembocaría na derrota electoral de Fraga Iribarne. A mobilización social foi masiva. E o mundo da cultura asumiu unha serie de responsabilidades inauditas. Este último ángulo é o que analiza o proxecto Unha Gran Burla Negra.
 

Nunca Máis Prestige
photo_camera Mobilización contra a catástrofe do 'Prestige' e a súa xestión política. Foto: cedida.

“O relato en tempo real é totalmente diferente do relato histórico”, afirma o historiador da arte Daniel Abel. Dezaseis anos pasaron desde que o petroleiro partiu á metade fronte á Costa da Morte. Abondo, ao seu ver, para trazar unha crónica axustada do sucedido, neste caso centrada no seu “arquivo cultural: a morea de pezas artísticas, poemas, imaxes, músicas, textos e intervencións, anónimas ou non, que desbordaron rúas e medios”.

Un grupo de investigadores independentes, “por idade non directamente implicados pero si interesados na análise destes fenómenos”, decidiron “historizar” o acontecido. A idea orixinal naceu no traballo de campo que Jorge Linheira realizou para o seu libro A cultura como reserva india. Trinta e seis anos de políticas culturais en Galiza (Libros.com, 2018). “Jorge percibiu que moitos materiais estaban a piques de perderse, ou almacenados en garaxes”, conta Abel, “e había que facer algo”.

A Linheira e Abel sumáronse Miguel Anxo Rodríguez, tamén historiador da arte, e Germán Labrador, profesor en Princeton e especialista na cultura subterránea da Transición.  “Crear un relato básico que non existía, malia a gran catidade de libros publicados, foi o primeiro obxectivo en que concordamos”, sinala Abel. Os volumes adoitaban enfocar, sobre todo, a mobilización cidadá. Fóra quedaba “a xente da poesía, das artes plásticas e visuais, as primeiras redes dixitais”.

O segundo fin de Unha Gran Burla Negra é arquivístico. “Queriamos crear un depósito con todos os obxectos que fomos recompilando: cartaces, dípticos, chapas, pósters...”, indica, “nos que hai, sobre todo, dúas modalidades. Os que servían para chamar ás protestas e os que eran, digamos, a mercadotecnia destinada a captar fondos”. Un convenio coa Bibliteca Xeral da Universidade de Santiago -xa asinado- servirá para que fiquen a disposición do público.

Ademais de coleccións particulares, os fondos da editorial ourensá Difusora das Letras, Artes e Ideas forneceron un proxecto pioneiro. “As novas correntes historiográficas interésanse por este tipo de acontecementos. Trátase de historia da sociedade, non só da arte.  Algúns museos, como o Reina Sofía de Madrid, estano a facer. Pasou coa análise do 15M. Pero faltaba estudar o movemento Nunca Máis”, di Daniel Abel.

Burla Negra, legalmente amparado na asociación cultural Benito Soto, agrupara boa parte da acción cultural desenvolvida naqueles intensos meses. Pero a marca do barco pirata non esgotaba a formidábel explosión de creatividade popular e colectiva. “Naquel tempo dáse unha resposta á pregunta de ¿cal é a función do artista?”. Unha resposta práctica, que emerxe tamén na transformación que, explica, sufriron as formas da manifestación.

“Aquilo viña da antiglobalización, a finais do século XX. As manifestacións deixaron de ser un paseo de himnos e bandeiras. En Nunca Máis faise evidente. Cando ves fotos das marchas non sabes a que atender. Estas mudanzas chegan até hoxe, como se puido comprobar nas manifestacións feministas de marzo deste ano”, resume Abel. Non é o único rastro da Burla Negra. Porque toda acción adoita producir unha reacción.

“O poder primeiro pechouse a toda aquela protesta”, di, “pero logo aprendeu e iniciou unha guerra de baixa intensidade. Apareceu a censura, esa que se constantou hai uns anos coa Lei Mordaza”. Ao tempo, houbo efectos inmediatos. Como a caída do “Réxime Fraguián”. “O traballo insistente das xentes da cultura en rebeldía permitiu a un bo número de persoas pensar que outro goberno era posíbel”. Materializouse no bipartito de PSdeG e BNG, en xuño de 2005.

Unha Gran Burla Negra presenta esta quinta feira, 23 de novembro, o seu proxecto. Será no Auditorio de Galiza de Compostela ás 16.30 horas, cunha conferencia -a cargo de Germán Labrador- e unha palestra de título A acción creativa nos procesos de mobilización social e política -con Julia Ramírez, María Ruído e Tono Carbajo.

“Houbo relatos propios de escritores como Manuel Rivas, Suso de Toro ou Xosé Manuel Pereiro”, lembra Daniel Abel, que conclúe: “Faltaba un relato máis aberto, menos implicado, mesmo máis técnico científico. Agora non era nin demasiado tarde nin demasiado pronto para facelo”.

Comentarios