ACTO DE GALIZA NOVA

A reivindicación de traballo digno na Terra centrou a XX edición da ofrenda a Castelao e Rosalía

O secretario xeral da organización xuvenil do BNG salientou a vixencia do pensamento de Rosalía e Castelao e reivindicou unha Galiza “soberana”. 

Homenaxe
photo_camera [Imaxes O.R.]

A tradicional ofrenda de Galiza Nova a Castelao e Rosalía de Castros en Bonaval na véspera do Día da Patria centrouse neste ano na reivindicación dunha Galiza soberana como marco no que conquistar o traballo digno na Terra.

O secretario xeral da organización xuvenil do BNG, Alberte Mera, puxo en valor a figura dos dous referentes nacionalistas de quen dixo: “Non podemos permitir que esmorezan, revivámolos todos os días na nosa loita pola Patria Galega”.

Mera salientou a vixencia do pensamento de Rosalía e Castelao e reivindicou unha Galiza “soberana” que contaría coas ferramentas necesarias para sacar adiante aos seus sectores produtivos, activar a economía e xerar emprego, “sen ter que supeditarse” ás decisións que impón o goberno central.

O dirixente xuvenil animou á mocidade a loitar por un futuro digno. “Todas somos Rosalía cando denunciamos e nos enfrontamos ás políticas que impón o Estado que arruínan ao noso pobo e que lanza ao exilio á mocidade galega, igual que acontecía nos anos da poeta”, subliñou Mera.

No acto tamén participou en nome do BNG o secretario de organización, Bieito Lobeira, quen puxo en valor o traballo da mocidade e a súa "importancia" no proxecto político nacionalista. Á organización xuvenil Lobeira pediulle ser "peito de león e rabo de xarda". Co símil mariñeiro arengou ás mozas e mozos de Galiza Nova a ter "constancia", "traballo" e "valentía". 

"Sodes o Monte Medulio do século XXI, a Frouxeira de 2015", enfatizou. 

O acto estivo acompañado polas actuacións musicais de Loaira e Poetarras, e concluíu coa ofrenda floral a ambos referentes do nacionalismo galego no Panteón de Galegos Ilustres.

Comentarios