O Reino Unido terá restricións máis duras coa fin do semi confinamento

O primeiro ministro Boris Johnson pediu á poboación que "resista contra o virus até que os tests e as vacinas veñan ao noso rescate".
EuropaPress_3446636_23_november_2020_england_london_l-r_british_prime_minister_boris_johson_on
photo_camera A comparecencia de Boris Johnson (Henry Nicholls / PA Wire)

O plan de inverno contra o coronavirus do Goberno do Reino Unido inclúe "meses de severas restricións" e un Nadal que "non vai ser normal". Anunciouno na segunda feira o primeiro ministro, Boris Johnson, nunha comparecencia ante a Cámara dos Comúns de maneira virtual desde o seu despacho do 10 de Downing Street, onde prosegue o seu illamento tras estar en contacto cunha persoa infectada por coronavirus, despois de el mesmo pasar a Covid-19.

Johnson avanzou un sistema "máis duro" que o previo ao semi confinamento iniciado o 5 de novembro. Inglaterra sairá del o 2 de decembro, mais dunha forma moi limitada e só nalgúns territorios. Ademais, volverá estar dividida nun sistema de tres niveis, con diferentes restricións en cada área, dependendo do grao de infección.

"Haberá máis rexións que antes nos niveis máis altos de restricións", dixo o primeiro ministro, que a quinta feira comunicaría en que nivel fica cada unha.

Así, deberase traballar desde a casa sempre que se poida nas zonas incluídas no primeiro nivel de restrición (media), mentres que no segundo estadio de risco os bares só poderán servir alcohol se é como acompañamento dunha comida.

No máximo nivel desa escala de tres, os locais de entretemento baixo teito e os hoteis terán que fechar, e os bares e restaurantes só poderán servir alimentos se son para levar, aínda que se ampliará a hora de apertura até as 23 horas.

"Resistencia"

Johnson, que pediu á poboación que "resista contra o virus até que os tests e as vacinas veñan ao noso rescate", sinalou que está a traballar coas autoridades de Gales, Escocia e Irlanda do Norte para que todo o Estado teñas as mesmas normas, especialmente no referente ao Nadal.

Os medios falan de que podería haber un leve relaxamento destas restricións entre o 24 e o 28 de decembro.

Comentarios