Galiza no mapa

O Reino de Galiza nun mapa alemán de 1472

O Rudimentum Novitorum, do tipógrafo alemán Lucas Brandis, recolle o primeiro mapamundi impreso, de 1472, que presenta Galiza e España como dúas realidades diferentes. Trátase dunha monumental historia da humanidade de 475 páxinas. Eis un extracto da peza publicada ao respecto no número 323 de Sermos Galiza.

13.B
photo_camera Detalle do mapa

6É o primeiro mapamundi impreso. As súas versións coñecidas consérvanse respectivamente na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos e na Biblioteca Británica de Londres, recollidos nunha edición de Rudimentum Novitorum, publicados en 1475 polo impresor e tipógrafo alemán Lucas Brandis. Rudimentum Novitorum é unha monumental historia da humanidade de 475 páxinas dirixida fundamentalmente a cregos e seminaristas, cuxo punto de arranque sitúase coa creación de mundo, rematando en 1472.

A obra debrúzase nos antepasados de Cristo, nos sumos sacerdotes xudeus, nos xuíces e gobernantes bíblicos, no período do imperio romano e na historia medieval, con especial atención á crónica dos diferentes papados e ao decorrer da vida da igrexa desde a institucionalización do catolicismo como relixión oficial do mundo occidental.

Lucas Brandis é un tipógrafo e impresor alemán nado en Delitzsch, Saxonia, arredor de 1450 e morto probabelmente na cidade hanseática de Lubeck en 1500, graduado pola Universidade de Leipzig e que desenvolveu a súa actividade profesional en diversas cidades alemás como Merseburg, Magdeburgo ou Lubeck. A súa actividade como editor foi fecunda, atribuíndoselle a publicación de perto de cincuenta volumes. Porén, ningún deles acadou a difusión e influencia do Rudimentum Novitorum, unha obra que recolle arredor de cen imaxes e que mesmo foi traducida no seu momento a outros idiomas europeos como o francés. A publicación, entre as súas cen xilografías, recolle ademais da cartografía referida, un mapa de Xerusalén, seguindo unha carta anterior de Burchardus de Monte Sion, un sacerdote dominico do século XII que viaxou extensamente por Oriente Medio e Palestina entre 1274 e 1284.

[Podes ler a peza íntegra no número 323 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Máis en Mapas do reino
Comentarios