A Galiza ignorada

Ramiro II 'O Grande', o rei galego que admirou Europa

Simboliza como ninguén o carácter galego da monarquía hexemónica no espazo cristián peninsular entre o século VIII e XIII. Fillo dos reis galegos Ordoño II e Elvira Menéndez, conseguiu a admiración de toda a Europa polo seu xenio militar, tras derrotar en agosto do 939 a Abderraman III en Simancas. Gobernante de grandes capacidades, foi coñecido polos seus contemporáneos como «O Grande», sufrindo até hoxe os ataques da historiografía españolista polos seus enfrontamentos con Fernán González. Eis un estrato da peza publicada no número 373 do semanario en papel Sermos Galiza.
ramiro-foto

A  comezos de agosto do 939 Simancas vivirá un dos feitos de armas máis decisivos da historia peninsular. Malia que a tradición adoitou situalo durante moito tempo o 19 de xullo, por cadrar cun eclipse de sol que coincidiu co avanzo das tropas de Abderraman III até as beiras do Pisuerga, o operativo militar desenvolverase entre o 6 e o 10 de agosto, enfrontando dun lado a preto de setenta mil galegos, apoiados por forzas navarras, e doutro, segundo os propios cronistas árabes, a mais cen mil soldados.

A batalla, que se levou a cabo nun momento de extrema debilidade dos reinos cristiáns, diante do grande empuxe dos árabes, caracterizouse pola súa extrema dureza, chegando a cifrar as fontes contemporáneas as baixas nas filas do exército de Abderraman III en doce mil persoas, contía que os historiadores actuais reducen a practicamente a metade. Sexa como for, o número de vítimas mortais resultou moi elevado, ficando finalmente a salvo as fronteiras e integridade do reino galego.

ramiro-mini

Un fito de armas de dimensión internacional

As fontes contemporáneas, tanto peninsulares como europeas, deron cumprida conta dos feitos, non deixando dúbidas da nacionalidade das tropas vencedoras e do seu monarca. Así, nos Anais casteláns primeiros, redactados durante o reinado de Ramiro II, recóllese que «aló foron dispersados os ismaelitas, mortos e despoxados. Alegrándose os adoradores de Cristo, volveron as súas casas con rico botín e se enriqueceron cos seus despoxos Galiza, Araba e Iruña».

Pola súa banda, Ajbar machmúa, unha crónica árabe do século XI, afirma que Abderraman III «foi derrotado de xeito máis desastroso polos galegos. Os inimigos perseguiron os musulmáns por todas partes durante algúns días, matándoos ou facéndoos prisioneiros». Nunha liña semellante, o grande historiador marroquí do século XVII, Al Maqqari, na súa monumental historia en oito  libros de Al Andalus, sinala que a batalla de Simancas «foi a maior derrota infrinxida polos galegos aos andalusís».

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 372 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

Máis en Información do Reino
Comentarios