Opinión

Regueifar, regueifarei

“Entre el clavel y la rosa, su majestad es-coja”. Co calambur máis famoso da historia e dúas flores, Quevedo dicíalle á raíña Isabel de Borbón o que todo o mundo comentaba ao vela ranquear. Sempre burleiro, ousado e histriónico, o escritor tiraba de figura literaria para dicir o que pensaba e ao mesmo tempo evitar a morte. Catro séculos despois, a liberdade de expresión –polo menos, no noso país– xa non se reprime con matarile, senón simplemente facéndoa desaparecer. Mesmo se o que ten que quedar polo camiño é algo tan histórico e necesario como as regueifas.

“A noite quedouche mesta / e que che quedou boa noite / pra defender a ghalegha / Pra defender a galega / dígoche de corazón / calidade informativa / menos manipulación”. A regueifa máis famosa do ano, entoada no Luar por Sara Marchena e Aurora Redondo, non é tal por ter ocupado un espazo destacado na grella de programación da televisión pública galega, senón por amosar apoio á protesta das traballadoras da CRTVG, que levan 127 venres negros reivindicando o cumprimento da Lei de Medios ou a remuda da dirección xeral da corporación pública.

É difícil explicar como é posible que os medios de comunicación sexan, aínda hoxe, vehículos de difusión á carta dos intereses duns poucos, renunciando á súa vocación principal, que non é outra que a de servizo público. Pero diante dun xigante que funciona a golpe de talonario, máis grave aínda é que non defendamos o noso anaquiño de terra para que ninguén nos mova os marcos da intelixencia.

Comentarios