A regueifa feita poesía nunha nova entrega do 'Poetas Di(n)versos' con voces de Galiza e Cuba

O novo trimestre deste recital que acolle o centro Ágora da Coruña enceta cunha demostración da forza das palabras. Improvisación, desafío e oralidade son os ingredientes dunha arte con distintos nomes. Desta volta, riba do cenario, regueifa e repentismo.

regueifa
photo_camera Díaz-Pimienta e 'O Caruncho' [SG]


"O repentismo ten un compoñente erotizante, é un exercicio de espirse en público, de impudicia verbal. O repentista sae espido á escena, en busca das palabras para as partillar. Somos funambulistas: estamos continuamente na corda bamba da linguaxe". Quen isto dixo foi o artista cubano Alexis Díaz Pimienta. Que arte practica? O repentismo, unha forma poética moi coñecida na Galiza, mais con outro nome: a regueifa. Un dos expoñentes máis coñecidos da regueifa é o vigués Luís 'O Caruncho'.

Repentista e regueifeiro porán voz á xornada de apertura do terceiro trimestre do ciclo Poetas Di(n)versos. Será na segunda feira 13 de xaneiro no centro Ágora, na Coruña. Será unha atípica sesión de poesía caracterizada desta volta pola improvisación oral porque, como di Díaz Pimienta, quen escribe un libro corrixe unha e outra vez o texto, quen baila ensaia unha e outra vez os pasos, quen actúa aprende un guión de memoria mais quen fai regueifa (ou repentismo) ten que procurar contrarreloxo a palabra atinada. E unha vez que a collen, entregarlla de inmediato ao público. 

Poesía 'en pelo'

De devanceir@s gaiteir@s, tamén el lle pega a este instrumento e á zanfona. Vido do mundo da música tradicional e popular, 'O Caruncho' estreouse como improvisador en verso en Valadares, Vigo, e desde aquela levou adiante proxectos tan anovadores coma o que fusiona música tradicional e regueifa, ademais de obradoiros ou composición de músicas para clásicos da poesía galega. 

O seu 'rival' artístico, Alexis Díaz-Pimienta, ten 32 libros publicados e neles experimentou os xéneros literarios máis diversos. Acumula trinta anos de traballo na radio e na televisión de Habana, partillou cenario con cantautores de renome coma Silvio Rodríguez e fixo parte do certame 'Canturía pola Patria', onde artistas e campesiñ@s puxeron música e letra á Revolución cubana.

Máis en Ao vivo
Comentarios