Regodobargo acollerá unha homenaxe a Suso Vaamonde

Antonio Durán ‘Morris’, Mero e Manuel Dopico, entre outros referentes da cultura, participarán nun acto de homenaxe a Suso Vaamonde no seu natal Regodobargo, Ponte Caldelas, o vindeiro 16 de febreiro, cando se fan dúas décadas do seu pasamento.  

Suso Vaamonde (Imaxe: www.susovaamonde.com)
photo_camera Suso Vaamonde (Imaxe: www.susovaamonde.com)

Amizades e diversas personalidades da cultura e do activismo na Galiza reuniranse o vindeiro 16 de febreiro en Regodobargo, no concello de Ponte Caldelas, para participar nun acto de homenaxe e lembranza ao cantautor galego Suso Vaamonde, cadrando co vixésimo aniversario do falecemento deste músico comprometido coa liberdade e a defensa da Galiza e do pobo.  

O Concello de Ponte Caldelas, entidade organizadora da homenaxe, dará o nome de Suso Vaamonde á Casa do Pobo de Regodobargo, a súa parroquia natal e instalará nese edificio unha placa conmemorativa. Será ás 16 horas mais, previamente, ás 12 do mediodía, terá lugar unha ofrenda floral xunto a Casa do Pobo, no río que tanto inspirou ao cantautor galego.

O acto será conducido polo actor Antonio Durán ‘Morris’ e contará coa participación de Mero e Manuel Dopico d’A Quenlla; Alfredo d’A Roda; Pepe Iglesias de Buxán; Luis Vaamonde, Os Xeitosiños, Troula, Miguel de Combarro, Mil Tallos e as Pandereteiras de Regodobargo.

Trátase dun acto preparado “con ilusión e cariño”, afirman nun comunicado desde o Concello, e anuncian que terá gran contido musical, “tal e como lle gustaría ao propio homenaxeado”.

O Concello de Ponte Caldelas sinala que desta maneira quer continuar cun recoñecemento iniciado polo tripartito que gobernou o concello no ano 2016, “cando se saldou unha débeda histórica con este ilustre veciño que deixou un legado cultural moi enriquecedor para toda Galiza”, e sinalan que foi daquela cando se iniciou “un recoñecemento que os anteriores alcaldes, do Partido Popular, negaran á figura de Vaamonde”.

Suso Vaamonde

O artista de Regodobargo, nado en 1950 e autor de numerosos traballos musicais como Nen rosmar un laído (1977) e Os soños na gaiola (1978), e de temas inesquecíbeis como Volvín á terra pro perdín o amor, con letra de Bernardino Graña, foi un dos primeiros condenados despois do franquismo por “inxurias á Patria con publicidade”.

A causa derivouse dun concerto antinucleares na praza da Ferreiría, Pontevedra, en 1979, en que Vaamonde entoou o tema Uah! 

Ao ser condenado a seis anos de prisión, decidiu exiliarse en Inglaterra, Alemaña, Venezuela. Catro anos despois regresou e entregouse.

Logo de 48 días na prisión de Ourense, o Goberno de Felipe González -coa mediación do senador galego Xaime Barreiro Gil, no seu día achegado, como o propio Vaamonde, a Voces Ceibes- indultouno.

Regodobargo prepárase xa para lembrar a quen entoou e compuxo multitude de temas, sempre coa Galiza no corazón.

Comentarios