Opinión

Unha reflexión sobre a identidade

Leo estes días algúns comentarios e opinións sobre a identidade nos que a mesma, fundamentalmente a nacional, se presenta unicamente coma un fenómeno produto de emocións e sentimentos que semellan obstaculizar os lazos de solidariedade e harmonía entre os seres humanos. Estase a expresar, así, unha conclusión superficial e reducionista dunha manifestación de tanta complexidade como é a identidade. Estanse a misturar, sen rigor, identidade e identitarismo o que entorpece e deturpa a comprensión das realidades sociais ás que responden.

A identidade significa autocomprensión do individuo en relación á comunidade na que se desenvolve e coa que intercambia valores materiais e simbólicos. As experiencias de identidade forxánse social e historicamente, aspecto este que se expresa cara a un mesmo e aos demais. Sabemos que estas experiencias, individuais e colectivas, non se fixan en caracteres inmutábeis e intransformábeis; pola contra, son dinámicas e proporcionan as guías para transformar o propio, o herdado. Os seres humanos compartimos símbolos, condutas, expectativas, ideas, rituais, historia, códigos lingüísticos, que nos van fornecendo de significacións e van moldeando a nosa identidade.

Existen identidades de xénero, de clase, relixiosas, políticas, nacionais, etc. Estamos conformados por identidades múltiples e diversas e, historicamente, a construción da identidade moderna configurouse coa incorporación de variados e diversos compoñentes, entre os que a pertenza nacional fai parte relevante da mesma.

Mais unha realidade que non se debe obviar é que, na construción nacional moderna, determinadas identidades nacionais procuraron imporse sobre outras a través de variados mecanismos e tecnoloxías de poder. As identidades diferentes a aquelas dominantes sobre as que se ía sustentar o Estado-nación foron anuladas, negadas, asimiladas, perseguidas ou reprimidas. Como consecuencia deste proceso, comunidades con trazos propios e diferenciados ficaron sen capacidade para desenvolver en igualdade de condicións elementos culturais, lingüísticos ou de diversa índole fronte aos da cultura opresora.

Manifestar que o opresor e oprimido son igual de identitarios porque defenden a súa cultura é ignorar a posición diferente de cada quen

A reclamación e reivindicación, para un pobo ou nación, de poder decidir libremente sobre todos estes trazos negados supón o recoñecemento dun dereito democrático básico que só desde unha óptica de supremacía etnicista se pode cuestionar. Cando as decisións sobre a lingua, a cultura, a historia, a educación ou os recursos dun pobo dependen dun Estado alleo non se debería equiparar o dereito a poder existir cos ilexítimos medios que son utilizados para a dominación. Manifestar que o opresor e oprimido son igual de identitarios porque defenden a súa cultura é ignorar a posición diferente de cada quen e as facilidades ou dificultades que isto implica para cada un. Asimilar as dúas situacións supón minusvalorar a relación de poder, o que evidentemente beneficia ao poderoso.

Aspecto moi diferente sería a pretensión de que a identidade puidese actuar como elemento de concesión de dereitos de cidadanía, o que amosaría sen agachadas unha identidade abertamente excluínte. Porén, reflexionemos sobre o que acontece no Estado español. Neste só se recoñece unha única identidade nacional e unha única lingua de obrigado coñecemento. O propio texto constitucional incorpora moitos rasgos identitarios. A capacidade para desenvolver os trazos que habitualmente se considera fan parte da identidade nacional é plena para a nación española e enormemente limitada para as outras nacións. Mesmo para a adquisición da nacionalidade por residencia esíxense coñecementos socioculturais da nación española. Por non falar do nacionalismo banal que a diario e mil veces nos lembra a españolidade na arte, desporto, cine, moda, cultura, historia, etc. Non penso que sexa xusto, todo o contrario, que aos nacionalistas galegos, cataláns ou vascos se nos pretenda situar neste plano.

Reflexionemos sobre o que acontece no Estado español. Neste só se recoñece unha única identidade nacional e unha única lingua de obrigado coñecemento

Aínda que con matices diversos ser soberanista, independentista ou nacionalista remite ao dereito dun pobo para ser libre, para decidir por si mesmo. Mais de se defender a soberanía dun pobo vai ter que optarse por un sistema educativo, unha lingua, unha política cultural así coma por moitos máis ámbitos que inciden no simbólico. É isto ser identitario ou basearse nunha identidade excluínte? Non; dependerá de como se formulen, evidentemente. Poderán estabelecerse medidas de protección fronte a unha cultura ameazada e isto non significa ser identitario sempre que non se restrinxa o exercicio de dereitos fundamentais a individuos ou grupos impedíndolles optar por un estilo de vida propio. Resulta significativo que o reproche de identitarismo proveña, na meirande parte das veces, do identitarismo español que ao se mover fluidamente por todo o entramado social non se percibe como tal, senón que se concibe como a forma natural de ser.

Comentarios