Procés

Referentes da sociedade portuguesa denuncian a represión española sobre Catalunya

Máis de 50 persoas referenciais da sociedade portuguesa veñen de publicar un manifesto polas liberdades e a democracia en Catalunya, esixindo a liberación inmediata das e dos presos políticos independentistas.

Supremo
photo_camera Xuízo ás e aos independentistas no Tribunal Supremo

Profesionais da saúde, do dereito, xornalistas, xuristas, referentes do mundo das letras e da política veñen de esixir nun manifesto publicado polo xornal portugués Público a liberación inmediata das presas e presos políticos de Catalunya. O manifesto conta co respaldo de deputadas e deputados de distintas forzas, desde o PS ou PSD á Refundaçao Comunista, o Bloco de Esquerda (con varias deputadas asinantes como Joana Mortágua) e a CDU (con Rui Sá, da asemblea municipal do Porto).

O manifesto relata como no mes de febreiro comezou en Madrid o xuízo a doce líderes da política e do movemento social catalán, acusados de rebelión, sedición e desvío de fondos polo feito de teren organizado e aplicado o referendo en Catlunya.

Apélase tamén ás declaracións da Premio Nobel da Paz Jody Williams e de parlamentarias de varios países esixindo a liberación das persoas acusadas.

“O proceso actual contra os independentistas cataláns é un serio problema de liberdades públicas e de democracia”, alertan

As persoas asinantes denuncian por medio deste manifesto que ademais das e dos líderes políticos e sociais cataláns que sofren a represión, tamén hai milleiros de persoas de Catalunya que participaron na organización do referendo e que están a padecer procesos xudiciais, correndo o risco de prisión e pesadas penalizacións. Poñen así de exemplo o profesorado universitario de ciencia política e de dereito nomeado polo goberno catalán para monitorizar o referendo, o que levou a Asociación Americana de Ciencia Política (APSA) a pedir ao presidente Pedro Sánchez que o Estado español retire de inmediato as acusacións contra estes profesionais.

Acusan ao Estado español de ter sido quen encetou unha mobilización sen precedentes

Salientan así mesmo o “revelador feito” de que se prohiba ás autoridades e órganos de comunicación social cataláns poder usar expresións como “presos políticos” e “exiliados”. Argumentan tamén que a acusación de sedición representa unha evidente tentativa de criminalización dunha ideoloxía política; e acusan ao Estado español de ter sido quen encetou unha mobilización sen precedentes de forzas policiais para usaren a forza contra cidadás e cidadáns indefensos durante a celebración do referendo de outubro de 2017.

“O proceso actual contra os independentistas cataláns é un serio problema de liberdades públicas e de democracia”, alertan desde o manifesto, e fan mención a que a xustiza española é considerada como unha das máis politizadas de Europa e sospeitosa de parcialidade.

 

Comentarios