Opinión

Referendo pactado. Con quen, Pablo?

A ver, Pablo, non che acabo de entender ben esa leria do referendo pactado, ti, que es un home culto e lido, que tes a túa formación académica en ciencias políticas, que pronunciache aquela frase de recendo marxiano de que o ceo non se toma por consenso, senón por asalto, non acabo de entender esa leria túa sobre que o referendo de autodeterminación de Catalunya, para ser legal e vinculante e recoñecido internacionalmente, ten de ser pactado. Porque, a ver, Pablo, explícame por favor, que estou un chisco ofuscado, pactado con quen? Pactado co Partido que é epítome da Casta? Pactado co Partido símbolo do Réxime por excelencia? Pactado co partido que se nega a que o Val dos Caídos deixe de ser un espazo para a exaltación da Ditadura? Reféreste a iso, Pablo, refereste a que o soberanismo debe pactar con Iso o seu referendo?

Imos ver, Pablo, non quedamos en que a túa é unha opción pola ruptura, polo esfarelamento do réxime de 1978, pola conquista dun novo statu quo? Non quedamos en que era iso o que no fundo te distanciaba de Íñigo, ese socialdemócrata reformista camuflado nas vosas filas? Non era que ti, ás avesas del, si que eras un rupturista xenuíno? Pois daquela xa me explicarás ti como vai ser a ruptura pola que dis devecer. Ides pactar a ruptura co partido que xire a cleptocracia española?; ese partido que rexe un Madrid hipertrofiado e hipercentralizado e que chucha os recursos das periferias con saña, con Galiza condenada a cumprir o seu secular rol colonial (si, Pablo, tamén hai colonias no interior dos Estados, lembra o colonialismo interior do que falaba o teu amigo Beiras após proveitosas leituras de Robert Lafont). Ides pactar o voso programa rupturista con Mariano, Pablo?

Xa me explicarás ti como vai ser a ruptura pola que dis devecer. Ides pactar a ruptura co partido que xire a cleptocracia española?

Ti sabes perfeitamente que non hai ruptura posíbel que se poda pactar cos opresores. Non pactaron coa Coroa británica as 13 colonias estadunidenses a súa independencia en 1776. Non pactou a burguesía a súa liberación do feudalismo na Revolución francesa de 1789. Nen o proletariado ruso pactou en 1917 coa autocracia zarista. Nen pactou o Vietcong a retirada do exército imperial norteamericano do seu país. Ti sabes perfeitamente todo iso, non dou entendido entón o teu apelo a un referendo pactado con Madrid. Sabes perfeitamente, Pablo, que Rajoy nunca pactará nada, sábelo perfeitamente, daí que a túa insistencia en demandar un pacto como conditio sine qua non para apoiar o referendo é tanto como na práctica entregar a Rajoy o direito de veto a esa consulta. Non hai pacto con quen non quer pactar, Pablo. Así que se non hai pacto (e non o vai haber porque Mariano non quer), non habería referendo. É así, Pablo?

Quen vai obrigar Mariano, Pablo, a pactar con Barcelona? Non, desde logo, a oposición de esquerdas en Madrid, máis fraccionada imposíbel, non só dividida entre o PSOE e vós, senón con vos proprios fraccionados entre os teus fieis e os adeptos a Íñigo. Con ese panorama a babor, ti achas que Mariano se vai ver inclinado a pactar algo?

Sabes que teño razón, Pablo, hai tantas hipóteses de o PP pactar nada con Catalunya como as había a finais do século XIX entre o Estado español e os patriotas cubanos dirixidos por José Martí.

En definitiva, Pablo, se, como creo, ti non aspiras a pactar a ruptura dentro de España coa Casta -porque é metafisicamente imposíbel-, por que lles pides aos soberanistas catalás que fagan depender a súa loita por constituír un Estado libre e independente dun pacto imposíbel con Madrid?

Daquela, Pablo, se é lexítima a ruptura sen pacto dentro de España para superar o réxime de 1978, como creo ti defendes, por que non é lexítima a ruptura sen pacto entre Catalunya e España?

Por que lles pides aos soberanistas catalás que fagan depender a súa loita por constituír un Estado libre e independente dun pacto imposíbel con Madrid?

Todo o que obteña Catalunya será pola vía da conquista cívica e democrática dos seus direitos. E será legal, Pablo, porque, e ti sábelo ben, o direito de autodeterminación está amplamente recoñecido no direito internacional, e non só para países en vía de descolonización. Madrid pode dicer misa, Pablo, ti sábelo ben. O que terías é de mudar de posición, deixar esa leria do pacto que só reforza o papel de Madrid e o seu direito de veto e pórte claramente acarón do soberanismo catalán, que ese si está pola ruptura sen duplos xogos e coa súa cúpula no albo do poder xudicial español.

E, finalmente, Pablo, permíteme que che diga que me parece unha coña que veñas agora a defender que nese referendo pactado puidese votar o conxunto da cidadanía española. Iso é xenial, Pablo, admítocho, a tanto non chegaron no Reino Unido, lémbraste, verdade?, alí votaron só as escocesas e os escoceses, até me fastidia recordarche isto, Pablo, non deixa de ter a súa graza que nesta materia David Cameron, que non é precisamente un rupturista, senón un político conservador, te adiante pola esquerda. Pablo, dígoche todo isto sen acritude, of course.
 

Comentarios