Opinión

Reencontros

Nestes tempos de Nadal, aflora o amor dos reencontros, mais tamén dos reproches dos conflitos latentes no núcleo máis achegado. Cando nos preparamos para as ceas, fitámonos no espello e de súpeto un día vemos as nosas nais, os nosos pais, e é aí cando comprendemos que xa somos persoas adultas. Unhas veces miramos con orgullo, mais outras facémolo con carraxe, con vergoña. Con rexeitamento. Porque o certo é que as nais e os pais son o noso gran mestrado de vida. Especialmente cando se equivocan. 

Ata unha muller abandonada polas persoas que a trouxeron ao mundo aprende delas que non quere iso xamais para a súa prole. E iso é realmente facerse maior, entender que non se trata de non traer descendencia para evitarlle a dor emocional, senón de detectar os erros alleos que non queremos cometer. A grande equivocación do noso tempo é quedar na bile e no reproche e eludir por todos os medios os afectos. Algo así como non saír á rúa para que non nos pille un coche.

Cando chega ese Nadal no que mudamos o nervio estomacal dos agasallos pola incomodidade dos temas de conversa dinamitadores, polas decisións persoais non respectadas e pola pena das ausencias, non somos maiores. Só medramos realmente cando somos quen de afrontar un reencontro mirando tranquilamente aos ollos. Mirar aos ollos de quen nos fere é aínda unha práctica permitida pandemia mediante e, aínda así, con moitas desas persoas non poderemos facelo este ano de restricións. Quizais sexa tempo de mirarnos por dentro e reencontrarnos, no máis profundo de nós, cos ollos dese afecto que nos doe.

Comentarios