Ana Seixas, número 1 de En Marea pola Coruña

"Recuperemos para Galiza o 40% do investimento que PP, PSOE e Podemos nos negaron"

Ana Seixas lidera a candidatura de En Marea ao Congreso, pola circunscrición da Coruña. É licenciada en Ciencias Políticas e especialista en estudos de opinión e mercado. Desenvolveu o seu labor profesional en consultoría política e social como investigadora sobre comportamento político electoral en Galiza. Coas mareas municipalistas implicouse na formación local Ames Novo e, actualmente, é vice voceira de En Marea.

ana seijas 400 px
photo_camera Ana Seixas

Que se xoga o pobo galego nas vindeiras elección do 28-A?

Galiza xógase o seu futuro nas próximas eleccións. Queremos que o Estado avance, claro que si, pero ese avance pasa polo feito de que Galiza tamén teña presenza directa na toma de decisións, dentro dun Estado de progreso e xustiza social.

A alianza entre PSOE e Podemos deixou de lado a Galiza

Que lectura fai da lexislatura anterior a respecto de Galiza?

Creo que hai dúas etapas. A primeira é a de Mariano Raxoi como presidente, lesiva e desastrosa para a cidadanía, tanto a nivel estatal como galego, con medidas que atacaron directamente os dereitos das traballadoras, e a servizos básicos como educación e sanidade pública; e outra etapa do goberno de Pedro Sánchez, onde a alianza entre PSOE e Podemos deixou de lado a Galiza, como demostra a proposta de orzamentos apoiada por estes dous partidos e que significaba un diferencial negativo do 40% para a nosa terra en relación con outras zonas do Estado. Cambio social, si, pero os galegos e as galegas temos moito que dicir.

Cales serían para vostede as tres principais problemáticas que afectan a Galiza?

Ausencia de oportunidades, falta de igualdade entre homes e mulleres e a falta de investimentos que nos permitan evolucionar como país. Non hai futuro sen desenvolvemento económico.

Que deputada ou deputado sería referente para o seu labor no Congreso?

Se teño que escoller unha, esa sería Alexandra Fernández. O seu traballo en defensa de Galiza durante a anterior lexislatura é innegábel, sempre se mantivo fiel á esencia do que representa En Marea, e polo tanto ás galegas e galegos.

Cal será a primeira iniciativa que defenderá no Congreso?

Recuperar para Galiza o 40% do investimento que PP, PSOE e Podemos nos negaron, algo que xa demostramos no Congreso que estamos dispostas a facer.

O traballo de En Marea en defensa de Galiza será respaldado polo electorado

Como ve as opcións de En Marea na cita electoral?

Estou convencida que o traballo de En Marea, a súa coherencia e defensa de Galiza, será premiado co respaldo do electorado, obtendo representación nas catros provincias, o que nos permitirá ter grupo propio en Madrid.

Comentarios