Premiado en 1972 pola Deputación da Coruña

Recuperan un ensaio de Xohana Torres sobre San Andrés de Teixido

Os prolongados silencios editoriais de Xohana Torres, sobre todo nas últimas décadas, non se corresponden co seu ritmo de produción. A Deputación da Coruña e a editora Engaiolarte botan agora luz sobre un ensaio seu, inédito, que a propia institución premiara en 1972 e que nunca vira o prelo: Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos.
 

Xohana Torres ©Xan Carballa
photo_camera Xohana Torres. Foto: Xan Carballa.

“O libro mostra a preocupación da escritora pola nosa cultura e identidade, polas lendas e a paisaxe, seguindo o Otero Pedrayo que indicaba que hai que tripar e coñecer o territorio”, afirmou a vicepresidenta da Deputación Goretti Sanmartín na presentación da edición na Fundación Granell de Compostela.

Xohana Torres (Compostela, 1920 – Vigo, 2017) mesmo chegou a revisar e emendar o texto que agora se publica. Que, segundo explicou Xosé Puga de Engaiolarte, se emocionou “ate as bágoas ao ver a maqueta. Xoahan tiña unha espiña cravada que á fin puido quitar”. A poeta, dramaturga e novelista, consideraba Santo Andrés de Teixido “o único mito universal galego” e “amaba os sanandreses”, as figuras de miolo de pan.

Engaiolarte xa se encargara da edición do último libro que Xohana Torres viu editado en vida, os poemas de Elexías a Lola. De “alfaia” cualificou Sanmartín a publicación, que conta con fotografías de Xulio Xil. “Este era o libro que máis ilusión lle facía”, lembrou Puga, “e aínda que non viu, si o imaxinou, porque eu mesmo llo contei”.

Comentarios