Recúa a ultradereita en Dinamarca após a socialdemocracia endurecer o seu discurso sobre a inmigración

Após unha paréntese de apenas 4 anos de dominio conservador, o bloco de esquerdas volta a ser maioritario no Parlamento dinamarqués, o Folketing. As bancadas progresistas totalizan 91 escanos, un por riba da maioría absoluta. A clave do resultado, o descenso da ultradereita, un Partido Popular Dinamarqués que cedeu nada menos que 13 puntos a respecto de 2015, ao pasar de 21,1 a 8,9%.

PS
photo_camera Mette Frederiksen

A maior parte das análises concordan en que a asunción por parte do Partido Socialdemócrata —o máis votado, co 25,9%— de parte da axenda conservadora sobre a inmigración explica o significativo retroceso da extrema dereita do PPD, un fenómeno que, porén, non se deu nas recentes eleccións en Finlandia, o outro estado do norte europeu xunto con Suecia cun movimento reaccionario moi vigoroso.

Mais a socialdemocracia de Mette Frederiksen, a muller de 41 anos que será primeira ministra, tampouco pode facer unha lectura triunfalista dos resultados. Si do ponto de vista da estación termo, formará goberno, mais non en relación ás súas expectativas como formación política. De feito retrocede levemente a respecto de 2015, 0,4 décimas. Ve, aliás, como aumenta polo seu flanco esquerdo o Partido Socialista do Pobo, que avanza 3,5 puntos percentuais e incrementa en 6 os seus escanos.

En todo caso, a socialdemocracia conseguiu superar en número de votos o Partido Liberal, de tendencia centro-dereitista, do actual primeiro ministro Lars Løkke Rasmussen, quen porén mellorou os seus rexistros previos ao alcanzar 23,4%. En definitiva, se cae o bloque conservador non é polas prestacións da formación de Rasmussen, senón polo descenso da extrema dereita.

Mette Frederiksen, que promete reverter os recortes da dereita e colocou no centro das súas ofertas electorais o combate contra as alteracións climáticas, vai tentar formar un goberno en solitario, após rexeitar o chamado de Rasmussen a facer unha grande coalición. O Partido Socialdemócrata terá problemas para achar apoios á súa esquerda e iso ten a ver coa súa viraxe en materia de inmigración. "Non es unha má persoa se estás preocupado pola inmigración", afirmou nun debate a candidata socialdemócrata.

Comentarios