Opinión

O recoñecemento en vida, antídoto da desmemoria

Non tiven a ocasión de visitar, no cemiterio de Ourense, a tumba de Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey


Non tiven a ocasión de visitar, no cemiterio de Ourense, a tumba de Xosé Ramón e Fernández-Oxea, Ben-Cho-Shey, mais coñezo que deixou ordenado que a súa morte non fose aproveitada para autohomenaxe de quen se servise dela en acto póstumo. As homenaxes verdadeiras ou son en vida ou, indefectibelmente, van ter un aquel de autopromoción por parte de quen as organizar. Tamén souben (ouvinllo moitas veces) da orde de Manuel María de impedir que certo personaxe interviñese nas súas honras fúnebres, coñecedor, como era, do exacerbado protagonismo  de que o tal facía gala, en todas cantas exequias de ilustres contaban coa súa presenza. Viñéronme estas lembranzas á mente ao ler, no Sermos… dixital, a recordación de Xoán Costa verbo das noticias, artigos ou comentarios publicados na prensa periódica galega por diferentes persoeiros verbo do falecemento de Ricardo Carvalho Calero, hai agora 25 anos, o 25 de Marzo de 1990. Da data de publicación das esquelas funerarias, eu lembro vivamente como moitas delas, pequenas por mor do custo, foran inseridas por asociacións culturais de calquer lugar do país, tan servidas de entusiasmo patriótico como escasas de recursos. Era emocionante lelas, como un testemuño do cariño e aprezo suscitado por quen coñeceran como conferencista na derradeira década da súa vida. Como tamén lembro a demisión da Real Academia Galega de D. Jenaro Marinhas del Valle, en protesta pola actitude e conduta desta institución verbo do finado.

Afortunadamente, houbo recoñecemento en vida, compensación posíbel do descrédito e do deosto fabricado polos mandaríns polítíco-culturais dos primeiros tempos da autoanemia. Segundo eles, Carvalho “barrenaba”, por defender a unidade esencial de galego e portugués e por admitir e practicar unha ortografía para o galego próxima ao, daquela, estándar portugués. Esta era a tona da acusación, o pretexto doado. Na realidade, o que non aturaban era a non-deserción do profesor e escritor verbo do nacionalismo galego de pre-guerra e, aínda, a súa participación constante e asidua en actos vinculados ou organizados na órbita do nacionalismo moderno.

Todo vale con tal de non trataren o problema real: a anemia inducida do galego?

Pasáronse 25 anos. ¿Que diría hoxe Carvalho se vise o presidente da Xunta de mans dadas co presidente de Portugal, Cavaco Silva, co gallo de asinaren un “acordo histórico” (?) en virtude do cal o portugués poderá ser cursado no ensino medio (¿cando, con que recursos, con que profesorado?). 

O profesor non puido coñecer como unha nosa iniciativa (BNG, Parlamento galego) nesta dirección foi derrotada co voto en contra do PP e a abstención do PSOE. ¿Cómo é que esta abrupta virada, que pondera relacionármonos cun idioma que conta con 250 millóns de falantes, non coloca nos cornos da lúa quen, hai 25, hai 30 anos, defendía argumentos semellantes? 

Carvalho foi sumamente atento á realidade sociolegal do galego e sobre ela escrebeu artigos decisivos na década dos oitenta, incluíndo a denuncia do recurso de inconstitucionalidade interposto polo goberno español (1983) contra a Lei de Normalización Lingüística (García-Sabell, presidente da RAG e delegado daquel goberno na Galiza). No seu ronsel, digo: a asinatura deste acordo non supón máis que unha outra fuxida do problema real: a falta de planificación institucional de usos sociais e públicos da lingua galega e, aínda, o reforzo da cárrega punitiva-excluente do galego. Todo vale con tal de non trataren o problema real: a anemia inducida do galego, inoculada a cada paso con máis potentes inxeccións destrutoras. Agora dálles por recoñeceren (aparentemente) a filla internacional, cando, na propria casa, ofenden e maltratan decote a nai (e, se houber quen se ofenda polo uso que acabo de facer de imaxes femininas, que as troque polos equivalentes masculinos, non sen antes lembrar que estamos a utilizar metáforas biolóxicas, aviso necesario para quen teima en ler todo literalmente).

A desmemoria: nunca máis!

Este artigo viu a luz no número 139 do semanario Sermos Galiza, que saiu do prelo a quinta feira 26 de marzo e que está disponíbel aquí na nosa loxa dixital.

Comentarios