Recoñecemento do político necesario

A Fundación Coppieters distingue en Bruxelas Camilo Nogueira polo seu compromiso e traxectoria en prol da paz e a democracia.

Páxina 5
photo_camera [Imaxe: Fundación Coppieters] Camilo Nogueira e Patxi Zabaleta con cadanseu galardón

«Camilo Nogueira é un líder histórico do movemento galego, cunha traxectoria marcada por unha forte defensa dos dereitos políticos do pobo e a súa proxección internacional».  Así argumenta a Fundación Coppieters a distinción que vén de outorgar esta cuarta feira en Bruxelas ao histórico dirixente nacionalista.

 Canda Nogueira -ex deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Parlamento Galego durante os anos 80 e 90 e europarlamentario entre 1999 e 2004- o think tank recoñece o labor político de Patxi Zabaleta, o veterano dirixente abertzale de formacións como Herri Batasuna, primeiro, e Aralar, despois, por «manterse contrario á subordinación da loita política á loita armada».

«Con estes premios, Coppieters destaca os históricos liderados de Nogueira e Zabaleta nos movementos galego e vasco, respectivamente», indica a fundación, que engade que «son honrados pola súa dedicación vital e o seu traballo político, avogando pola acción democrática e pacífica en prol da recuperación de poder e a autodeterminación das súas nacións».

O galardón da Fundación Coppieters -que preside un galego, Xabier Macías- procura sinalar individuos e organizacións que pelexan «pola defensa da diversidade cultural e lingüística, polo diálogo intercultural, a autodeterminación, os dereitos das minorías, a paz, a democracia e unha Europa unida».

A entidade que distinguiu Camilo Nogueira e Patxi Zabaleta toma o seu nome do político flamenco Maurits Coppieters, impulsor da creación da Alianza Libre Europea (ALE), e dedícase a promover a investigación sobre políticas a nivel europeo e internacional, centrando as súas prioridades na liberdade dos pobos, a riqueza cultural, os dereitos humanos e a promoción da paz entre as nacións.

Un premio "merecidísimo" 

A Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego congratulouse de que a Fundación Coppieters conceda o seu Premio Europeo 2019 ao ex deputado do BNG. «É innegabel que o recoñecemento a Camilo Nogueira supón unha excelente nova, non só para o Bloque, senón para toda a sociedade galega», salienta Ana Miranda, quen en representación da Executiva Nacional do BNG e da Fundación Galiza Sempre acompañou Nogueira na recollida do premio.

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, parabenizou o nacionalista polo premio, cualificándoo de «merecidísimo» polo seu «incansábel traballo a favor de Galiza, do seu dereito a existir como nación libre e soberana no mundo, pola defensa que sempre fixo dos sinais de identidade deste pobo e por poñer o seu talento e coraxe político a favor dun futuro mellor para os galegos e as galegas».

Comentarios