Contra o reclamo do “único pueblo de Galicia donde solo se habla inglés”

A Mesa pola Normalización Lingüística esixe a retirada do anuncio de Viajes El Corte Inglés no que se promociona “el único pueblo de Galicia donde solo se habla inglés” 

galego
photo_camera galego

Un anuncio aparecido na prensa galega promove campamentos de verán co reclamo de “el único pueblo de Galicia donde solo se habla inglés”. A publicidade é de Viajes El Corte Inglés, a quen se dirixe a Mesa pola Normalización Lingüística (MNL) para pedirlles que retiren un lema do que se preguntan “que pode ter positivo que en Galiza exista un lugar onde non se fale a lingua galega?”. 

O anuncio de El Corte Inglés, inserido en español, é para o presidente da Mesa, Marcos Maceira,  “un auténtico desprezo ao conxunto da cidadanía galega, pretender utilizar como reclamo a suposta desaparación do galego dunha parte do seu territorio”. Lembra Maceira que o galego é lingua propia e oficial de Galiza, condicións que non cumpre o inglés.

“Aprender linguas sempre é positivo para achegármonos a outras culturas e a outros pobos, non, como pretende El Corte Inglés, para rematar coa diversidade lingüística no mundo e, concretamente en Galiza, eliminar a nosa, a lingua do seu territorio, utilizando o inglés como coartada”, defenden desde a MNL para quen o aprendizado das linguas “ten que partir da valoración da propia, non da súa exclusión e eliminación”. Instan así a Viajes El Corte Inglés a eliminar o anuncio e cambialo por un que respecte o país e o seu idioma xa que, segundo denuncian,  “non se poden consentir mostras tan claras de supremacismo lingüístico como o que reflicte”. 

Comentarios