Reboiras: o corazón dunha xeración feito cinema

Este sábado é a preestrea en Imo, San Xoán de Laíño (Dodro), a parroquia natal de Moncho Reboiras, de Reboiras. Acción e corazón, a longametraxe documental dirixida por Alberte Mera e producida pola Fundación Terra e Tempo sobre o militante nacionalista asasinado en Ferrol o 12 de agoto de 1975. A seguir publicamos parte de Reboiras: o corazón dunha xeración feito cinema, a reportaxe que publica Sermos Galiza sobre este traballo audiovisual. 

Fotograma do filme 'Reboiras. Acción e corazón' (Alberte Mera, 2020). O actor Daniel Celester dá vida a Moncho Reboiras na pantalla.
photo_camera Fotograma do filme 'Reboiras. Acción e corazón' (Alberte Mera, 2020). O actor Daniel Celester dá vida a Moncho Reboiras na pantalla.

Na madrugada do 12 de agosto de 1975, 300 axentes, din as testemuñas, cercaron o barrio ferrolán onde Xosé Ramón Reboiras Noia se atopaba xunto a Elvira Souto e Lois Ríos preparando publicacións sindicais para as e os traballadores das Pontes. Souto e Ríos lograron salvarse aquela noite, mais Reboiras non. Recibiu tres disparos á altura de onde agora se atopa o portal do número 27 da rúa da Terra, daquela un edificio que hoxe xa non existe.

Após 45 anos, a longametraxe documental Reboiras. Acción e corazón recupera a memoria de Moncho Reboiras por medio dos testemuños de 29 persoas que o coñeceron de primeira man e compartiron con el inquedanzas e activismo político. A obra achega un retrato de Reboiras desde moitos ángulos e mostra unha persoa comprometida e alicerce fundamental do impulso e dinamización das frontes de actuación do nacionalismo na clandestinidade, desde o sindical e o cultural até o estudantil ou o labrego. Reboiras foi chave na construción dun movemento sindical galego, a través das mobilizacións obreiras de Vigo no ano 1972, que cristalizaron pouco despois no Sindicato Obreiro Galego, xerme da actual Confederación Intersindical Galega (CIG). "Reboiras traballou para que ningún sector social quedase orfo de alternativas sociopolíticas para defender os seus intereses e fíxoo con todas as dificultades que a represión franquista exercía", explica o director do filme, Alberte Mera.

Nesta composición polifónica atoparemos as voces de quen coincidiu na militancia co carismático nacionalista, mais tamén declaracións de familiares, amizades e de persoas que compartiron vivencias con el. A intención é achegarnos a Reboiras tanto desde o plano político, como desde o persoal e o humano. Algo inédito até o momento.

Tampouco coñecíamos até o de agora o marco do quebracabezas, as primeiras pezas, como Moncho se concienciou e deu o salto á loita nacionalista e que en Reboiras. Acción e corazón é contado por tres persoas que viviron canda el eses momentos: Manuel Reboiras, irmán de Moncho; Xosé Luís Méndez Ferrín, profesor seu no Instituto Santa Irene de Vigo, e Xosé Martínez González, alumno do mesmo instituto e que máis tarde acabaría compartindo con Reboiras a dirección da clandestina Unión do Povo Galego (UPG). E así até 29 persoas que prestan a súa memoria á encomiábel tarefa de recompor a de quen xa non está.

Outra das bases do proxecto é a compilación de material de arquivo, apartado no que Mera lamenta a ausencia de rexistros audiovisuais. "Pouco antes de ser asasinado fíxoselle unha entrevista en Porto para a televisión, pero por desgraza non é posíbel atopala na hemeroteca", relata o director. Non hai probas nos arquivos da súa actividade política, pois esta levábase a cabo na clandestinidade e coa cautela de deixar o mínimo rastro para non ser identificado pola policía da ditadura.

Non deixar testemuño gráfico da acción política en todas as frontes –tamén do grupo armado que Reboiras dirixía como membro da UPG no momento da súa morte, e que tiña como obxectivo conseguir materiais e recursos económicos para poder facer actividade política– era un método de protección que hoxe nos priva de coñecer os detalles do que acontecía. Por iso o labor de confrontar, reunir, ordenar e narrar os datos dispoñíbeis, así como o de rexistrar os ocos é parte importante do mérito do filme, que procura o recoñecemento dunha xeración de galegas e galegos que loitou contra a ditadura, excluída con frecuencia da historiografía oficial.

O filme si inclúe material de arquivo para contextualizar a época, como son imaxes documentais de traballadores do naval nos estaleiros de Vigo en 1972, ano en que se deron as históricas folgas neste sector. Ademais, o documental amosa fotografías de Moncho Reboiras na contorna familiar e que até o de agora non eran públicas.

Unha desas fotografías rescatadas serve de imaxe para o cartel. Nela vemos a Reboiras en 1970, retratado polo seu irmán Manuel preto de Imo, lugar da parroquia natal de San Xoán de Laíño (Dodro). "O retrato que temos de Moncho con bigote é un disfrace que lle servía para ocultar a súa imaxe. É de xustiza coñecelo como era realmente", explica Mera. O proceso de caracterización é unha das cousas que si veremos no filme, como secuencia ficcionada.

As entrevistas, ilustradas con materiais de arquivo, ocupan 51 minutos do total de 61 que dura a película. Os dez restantes están contados a través da ficción, na que un elenco de actores interpretan as últimas horas da vida de Reboiras.

A reportaxe íntegra podes lela no Sermos Galiza, semanario que se publica canda Nós Diario, este sábado. 

Comentarios