A rebaixa do orzamento da PAC xera malestar na Galiza

A Política Agraria Común (PAC) experimenta no orzamento para os vindeiros anos un recorte de 10% que non convence nin a sindicatos nin á Administración. Só o ministro Luis Planas cre que cos 47.682 millóns de euros para aplicala no Estado español até 2027 pode dar o seu obxectivo por cumprido.
O ministro de Agricultura, Luis Planas (Foto: Europa Press).
photo_camera O ministro de Agricultura, Luis Planas (Europa Press).

Esta semana, ademais do acordo para a reconstrución, de Bruxelas saía o reparto do novo orzamento con no moi boas noticias para os intereses galegos. A partida destinada á Política Agraria común sufría unha rebaixa substancial, de 10%.

O ministro de Agricultura, Luis Planas, afirmou onte, no marco dunha conferencia sectorial extraordinaria para debater esta cuestión, que os 47.682 millóns que lle corresponden ao Estado español son "moi satisfactorios". "As organizacións profesionais agrarias e os distintos territorios fixéronnos unha petición: non baixar de 47.500 millóns. Ese foi o noso obxectivo e cumprímolo", celebrou o ministro.

Mais desde o Goberno galego consideran que a redución ten que ser "modificada" e exíxenlle a Planas que "non dea a batalla por perdida" no que se refire a "conseguir máis fondos". Así se pronunciou o conselleiro de Medio Rural, José González, antes de participar na conferencia sectorial que se celebra en Madrid.

"Nós sempre mantivemos unha posición de lealdade institucional, de apoio máximo ao Goberno estatal pero baixo a premisa de que a PAC tiña que ter un orzamento cando menos igual ao do período 2014-2020", ha manifestado.

Na xuntanza de onte abordáronse aspectos relativos á definición de agricultor xenuíno, réxime de pequenos agricultores, a axuda básica á renda, a limitación dos pagamentos (capping), o pago redistributivo e a agricultura ecolóxica.

Nela, o conselleiro de Medio Rural defendeu a aplicación no Estado español dun tope máximo de 60.000 euros de axuda por explotación, para protexer ás pequenas e medianas explotacións da Galiza, así como unha definición exixente en cuanto á porcentaxe mínima de ingresos agrarios sobre os ingresos totais para ser considerado agricultor xenuíno.

Sobre el pacto verde europeo, a Xunta pide que, xunto co enfoque ambiental, as agricultoras, gandeiras e silvicultoras teñan tamén a transitoriedade suficiente para poder adaptar as súas actividades a ese pacto. 

Fruga e Sindicato Labrego inciden nos criterios de reparto 

A Federación Rural Galega (Fruga) amosa a súa preocupación polo recorte nos fondos europeos destinados ao sector agropecuario, mais tamén por un reparto "a todas luces inxusto" das axudas. Neste senso, incide en que teñen de ir dirixidas a "aquelas persoas que cando menos obteñan 50% da súa renda da actividade agraria exercida na súa explotación (...) co fin de evitar que as axudas acaben nas maos de especuladores e entidades que nada teñen a ver coa nosa profesión".

Na mesma liña, desde o Sindicato Labrego Galego reclama unha PAC que avance na transición cara modelos agroecolóxicos, cun orzamento suficiente, cunha "axuda básica á renda" que responda ao seu nome, con axudas "ás persoas e non as hectáreas", e cunha simplificación que a faga "entendíbel" para as persoas.

Comentarios