A Real Academia Galega aborda o Carvalho Calero crítico literario

María Pilar García Negro, Dolores Vilavedra e Xosé Ramón Pena abordarán esta faceta do homenaxeado nas Letras Galegas 2020 moderados por Marilar Aleixandre.
Ricardo Carvalho Calero nunha imaxe de arquivo.
photo_camera Ricardo Carvalho Calero nunha imaxe de arquivo.

A Real Academia Galega (RAG) organiza mañá 15 de outubro, a partir das 19 horas, unha nova xornada do simposio arredor de Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado no Día das Letras Galegas 2020. Nesta ocasión, afondarase no labor de Calero como crítico literario.

A profesora honoraria da Universidade da Coruña María Pilar García Negro participará deste encontro xunto coa profesora de literatura galega da Universidade de Santiago de Compostela Dolores Vilavedra.

Tamén intervirá o investigador Xosé Ramón Pena nunha sesión que estará moderara pola académica Marilar Aleixandre.

Vilavedra porá o foco nas contribucións de Calero á canonización da narrativa galega, mentres que Pena fará o propio coa poesía. Pola súa banda, García Negro centrará a intervención nos estudos do escritor, docente e investigador galego sobre Rosalía de Castro,"unha achega maxistral".

Nesas liñas, Calero conta entre as súas obras con Sete poetas galegos, Historia da literatura galega contemporánea, Versos iñorados ou esquencidos de Eduardo Pondal ou Arredor de Rosalía en 7 ensaios sobre Rosalía.

A xornada poderá seguirse en directo a través do portal en liña da Real Academia Galega desde a sección dedicada ao autor. 

Comentarios