"Se mentiu a Galiza, non pode ser presidente"

Partidos, sindicatos e organizacións sociais abordan a polémica aberta ao se constatar que Pemex non ten un acordo en firme cos estaleiros galegos, en contra do que vendeu Feijóo

Jorquera: "Unha persoa que minte ao seu pobo non pode ser presidente de Galiza"

"Moi grave". Así calificou o candidato do BNG á presidencia da Xunta da Galiza, Francisco Jorquera, considera que as informacións en torno ao alcance dos acordos de Pemex con estaleiros galegos. De confirmarse que o que Feijóo vendeu como acordo firme é máis ben un protocolo de intencións, isto significaría, sinalou Jorquera, que Núñez Feijóo xogou co desemprego e as necesidades, para alén de "mentir gravemente a tod@s @s galeg@s".

O candidato nacionalista emprazou "rotundamente" ao presidente a que na páxina web da Xunta os supostos acordos atinxidos con Pemex, así como a remitir toda a información ao Parlamento e mesmo a que Feijóo compareza na Deputación permanente do Parlamento da Galiza para dar explicacións. Para Jorquera, "unha persoa que minte ao seu pobo non pode ser presidente".

O PSdeG fala de "grandes dúbidas"

O candidato do PSdeG nos comicios do 21-O, Pachi Vázquez, tamén se referiu á polémica sobre o tipo acordo atinxido por Pemex. O socialista sinalou que "prefiro que eses contratos sexan certos, pero temo que hai grandes dúbidas". Nesta liña, Vázquez considorou que neste caso "hai confusión e electoralismo", afirmando, en relación a Núñez Feijóo e o seu anuncio dos contratos con estaleiros galegos, que "non se poden xerar tales expectativas nun sector como o naval que o está a pasar fatal".

O candidato socialista resumiu a súa sentir sobre o tema en que "como tod@s @s galeg@s, teño dúbidas, desconfianza e incertidume".

Naval de Vigo: "Están a xogar coa desesperación de todo un sector"

"A verdade é que xa nos esperabamos algo así. En México levaban un tempo a voltas co que de verdade había detrás do acordo de Pemex cos estaleiros galegos". César Rodríguez, da CIG-Naval na cidade olívica lembra que desde antes do verán, Feijóo deitou toda unha serie de promesas para o sector con Pemex como alicerce. "Primeiro falou de remolcadores, despois de dous quimiqueiros e por último de 2 floteis. E semella que, agora, nin iso é certo", apunta.

Rodríguez considera moi grave que desde a Xunta se estivese "a xogar coa desesperación de todo un sector". Lembra que hai talleres que levan 2 anos coas portas pechadas, que os EREs no naval son unha constante e que hai "cada vez máis xente no paro e que non cobra prestación". E o máis triste, apunta, e que "este sector podía ser moi, moi competitivo".

Naval de Ferrol: "O que hai é simplemente un proceso de licitación acotada, non un acordo"

Só hai que ler a nota de prensa emitida por Pemex para coñecer cal é o alcance da relación de Pemex cos estaleiros galegos. Manel Grandal, do naval do sindicato nacionalista en Ferrol, exprésase claro. "Esa nota son tres follas. E alí queda claro que non hai un acordo con Pemex, senón con PMI e cunha serie de cláusulas de suspensión. O que fai PMI é recoller as ofertas e presentalas a Pemex, cuxo consello de administración se encargará de decidir".

Grandal lamenta a "vergoñenta utilización política" do sector naval que considera que está a facer a Xunta. "Vímolo denunciando todos estes meses", lembra. Insiste en que a solución para o sector de Ferrol non é a construción dun buque hotel ("que, por outra banda, benvido sexa") senón compromisos en cuestións como o dique flotante.

Pola súa banda, desde o comité de empresa de Navantia lembrouse que a construción dun buque hotel nese estaleiro non está asegurado, senón que poden levalo estaleiros doutros países.

Esta nova irase ampliando cos sucesivas reaccións

Comentarios