O PP louva a decisión da valedora

As reaccións tras a dimisión “en diferido” da valedora do pobo

O PP cualifica de responsábel a decisión da valedora, mentres que Leiceaga agarda elixir a proxima após o 28A, Villares solicita debater no parlamento a renuncia inmediata e Pontón acusa a PP e PSOE de pactar a dimisión en diferido e esixe a renuncia.

milagros otero valedora do pobo Imaxe de CRTVG
photo_camera Milagros Otero. Imaxe: CRTVG

Milagros Otero tomara a decisión de renunciar como valedora do pobo após o Tribunal Supremo rexeitar o seu recurso, confirmándose así a nulidade do nomeamento dunha irmá do portavoz parlamentar do PP no Valedor do Pobo. Após este anuncio, Milagros Otero, remitiu ao Parlamento Galego unha corrección do documento pola que supedita a súa dimisión á elección dunha persoa que a substitúa no cargo, polo que a súa continuidade pode durar até o final da lexislatura.

O PP considera loábel a decisión da valedora.

Miguel Tellado, secretario xeral do PP; considera "loábel" e "responsábel" a decisión de Milagros Otero por non renunciar ao cargo até que o Parlamento escolla á persoa que a substitúa, argumentando que un cargo desas características non debe quedar vacante. Así mesmo, salienta a súa “magnífica xestión” e descríbeacomo unha valedora “sensíbel” coas problemáticas da cidadanía.

O PSdeG quere escoller nova persoa despois do 28A.

Xoaquín Fernández Leiceaga amósase favorábel de iniciar as conversas para a elección da nova persoa valedora do pobo tras a celebración das eleccións xerais do vindeiro 28 de abril.

Asegura, en declaración aos medios, que no PSdeG son "partidarios de abrir unha nova etapa no Valedor”.

En Marea solicita debater no próximo pleno a renuncia inmediata da valedora.
 

En Marea rexistrou unha petición no Parlamento para debater no próximo pleno dos días 9 e 10 de abril a renuncia inmediata da valedora do pobo, por perda de confianza política.

Luis Villares considera que a valedora non pode permanecer “nin un minuto máis” á fronte dunha institución “que debe defender os dereitos da cidadanía fronte aos abusos das administracións cando ela foi condenada por abusar da súa posición de poder”.

Pontón acusa a PP e PSOE de pactar a dimisión “en diferido” da valedora e esixe o seu cese inmediato.

O Bloque considera “inaceptábel” que a valedora continúe no seu cargo e avanza que presentará un escrito para reclamar que o vindeiro pleno debata e vote o cese inmediato de Milagros Otero.

“Está absolutamente descualificada, pero a sensación é que estamos ante un novo pacto bipartidista PP-PSOE para dilatar unha situación que degrada á institución”, denunciou Ana Pontón, portavoz do BNG. Para a formación nacionalista a dimisión de Otero debe ser inmediata e asegurou que non lles vale unha dimisión “en diferido” dunha persoa condenada “por enchufismo”.

Comentarios