Opinión

Re(Volta) a escola

Rematou agosto e con el van aló as prometedoras horas longas herdeiras do solsticio de verán da noite de San Xoan. Cadaquén ficará na memoria epidérmica con sensacións agardadas ou inesperadas. Cadaquén imprimirá na portada do seu cartafol capilar aromas e tactos procurados. 

Rematou agosto e con el van aló as prometedoras horas longas herdeiras do solsticio de verán da noite de San Xoan. Cadaquén ficará na memoria epidérmica con sensacións agardadas ou inesperadas. Cadaquén imprimirá na portada do seu cartafol capilar aromas e tactos procurados. 

"Difícil, no entanto, non lembrar xeografías humanas impedidas brutalmente para seren, exterminadas de unha en unha nunha intimidade necrófila de mans masculinas asasinas"

Difícil, no entanto, non lembrar xeografías humanas impedidas brutalmente para seren, exterminadas de unha en unha nunha intimidade necrófila de mans masculinas asasinas. Sete mulleres galegas mortas no que vai de ano, 41 en España, que semellan encadeadas ao silencio eterno de políticas impunes. Serían as mesmas políticas inertes se se trataren as desposuídas da vida de dirixentes políticos, banqueiros, futbolistas, actores, modelos de pasarela, presentadores televisivos ou empresarios?

Imposíbel será esquecer tamén o masacre intencionado de Gaza, coidadosamente selectivo para con crianzas chamadoras dun novo futuro. Amoral é ignorar unha terra onde cada area garda o segredo da indefensión, cada ruína é sartego dunha nova vítima inocente e cada alba é preludio de máis unha luzada violenta.

Persistentes horas mortas nunha fin de verán que tampouco chegou para ficar en compaña permanente.

Vale máis nubrado en agosto que sol de setembro, di o refraneiro popular galego. Velaquí a sabia explicación que xustifica a nosa incerteza diaria ao non recoñecermos tampouco o noso país nos partes meteorolóxicos diarios estatais televisados, onde os omnipresentes e unificadores soles abafadores e as altas temperaturas da pantalla son desmentidos de inmediato nas nosas soleiras.

Agosto converteu, agardamos que sen o querer, en protagonista do verán os elevadores, espazos até o de agora idóneos para medir a climatoloxía como arranque das nosas correctas conversas, mais agora, segundo declaracións dun representante público e con responsibilidade de goberno como alcalde de Valladolid, as mulleres ignoramos como nos comportar neles civilizadamente, acosamos co sostén e a saia  -estarei exenta de acusación sen sostén e con pantalón?- como armas arreboladizas e acusamos ao primeiro que se nos apareza de intento de agresión. Xa se sabe que isto da condición xenética feminina sempre tivo moito de descerebramento… ben o explicou Rosalía de Castro.

Chega setembro coa súa volta ás rutinas –para quen alcanzou o luxo de poder quebralas- e a escola comeza a entrar nas conversas, incluso nos ascensores!

"Reiniciamos un novo curso escolar marcado pola implantación dunha lei educativa (LOMCE) á medida única e exclusiva do goberno español, mais acatada sen rubor pola Administración galega, sen coñecermos o profesorado as mínimas directrices para a súa aplicación". 

Enredada desde o día 1 cos exames da convocatoria de setembro e as avaliacións que convidan a abrir o novo curso educativo - ese que o presidente Rajoy non aproba tampouco desta volta neste seu patio de recreo galego ao ignorar o nomenclátor oficial toponímico da terra que pisa, Soutomaior, e substituílo polo impositivo ditatorial franquista de Sotomayor, confeso que, para min, no entanto, é o aroma a marmelo recén cocido e a marmelada de amoras o que realmente traza ese novo punto e á parte a partir do que a vida continúa. Así como a visita á carballesa Praza dos Libros que, máis un ano, despediu agosto para saudar setembro e dar leccións de literatura, lingua, iniciativa cultural activa, mercado, vendas, promoción económica, emprego, PIB, traballo en equipo e onde o 67% dos libros demandados polo público nas súas compras foron obras en galego. Vaimos tirando conclusións…

(Re)Volta a escola, diciamos ao comezo.

A mercadotecnia ultraconsumista, cos seus ruxidores motores prendidos, semella rememorar unha hecatombe ou dioivo universal en xuño que obriga a mercar todo, todo, de novo, nada vale, non hai posibilidade de reutilización do propio nin moito menos reciclaxe do alleo próximo. Todo do trinque e á última para que non pareza o que somos e pareza o que non somos.

Reiniciamos un novo curso escolar marcado pola implantación dunha lei educativa (LOMCE) á medida única e exclusiva do goberno español, mais acatada sen rubor pola Administración galega, sen coñecermos o profesorado as mínimas directrices para a súa aplicación. 

A vinte e catro horas de comezar as aulas en educación primaria, a Consellaría, aínda sen aprobar a necesaria regulamentación propia que desenvolva esa lei para a súa aplicación nesta comunidade galega que conta coas competencias en materia de educación transferidas,  publica oficialmente no DOG o currículo definitivo de educación primaria, a ferramenta indispensábel para regular a ordenación desta etapa educativa, cuxos cursos 1º, 2º e 3º son iniciáticos para a implantación da lei. Esta carencia impide ao profesorado preparar as debidas programacións didácticas –obxectivos, contidos de cada materia, competencias, metodoloxías, criterios de avaliación, estándares de aprendizaxe- que planifiquen o correcto desenvolvemento progresivo da aprendizaxe en cada nivel.

"A vinte e catro horas de comezar as aulas en educación primaria, a Consellaría publica oficialmente no DOG o currículo definitivo de educación primaria"

Máis unha vez, sabémolo, o sentido común, a responsabilidade profesional e o bo facer consciente da alta sensibilidade e respecto que merece o alumnado e o colectivo familiar suplantará as eivas de quen contempla o ensino desde a fría burbulla dun despacho.

Con todo, e a risco de entrarmos no terreo do politicamente incorrecto, alármanos a posíbel permeabilidade deste aparente desinterese pola educación do futuro após vivirmos uns tempos onde a involución neste eido xa abandonou o estado de alerta premonitoria para se concretar na dura realidade circundante. Referímonos aos datos que nos últimos meses veu ofrecendo o CIS á pregunta: Cal é, ao seu xuízo, o principal problema que existe actualmente en España? E o segundo? E o terceiro?

O barómetro de abril coloca a educación como obxecto de preocupación en quinta posición nos meses de febreiro e marzo para se trasladar á sétima en abril e se manter nesa posición até a enquisa do mes de xuño.

Menos mal que virán inaugurar oficialmente o curso escolar os Reis de España. Se cadra podemos escribirlles as nosas cartas por adiantado coas propostas de necesidades individuais e colectivas en materia de acceso a unha educación pública de calidade e igualdade,  respectuosa coa diversidade lingüística e cultural española. Ou mesmo podemos mudar o vindeiro Día de Reis porque si, sen consenso, arbitrariamente e sen consulta previa. Para iso nos están afacendo xa demasiado a esta moda de mudar as regras de xogo coa partida a piques de rematar e con posibilidades de perder. 
Permitirémolo?

Comentarios