'Razzia' da Policía española contra bandeiras nacionalistas galegas en Balaídos no Celta-Athletic

Seareir@s do equipo celeste denuncian a actuación da policía española no encontro de Copa contra o Athletic de Bilbao, requisando estreleiras e mesmo camisolas de peñas do equipo vasco. Afirman que “non é unha novidade” que as forzas de seguridade queiran estragar “a festa entre célticos e athletictzales”.

Máis unha vez, un partido entre Celta e Athletic de Bilbao en Balaídos deriva nunha actuación “desproporcionada” da policía española. Así o denuncian seareir@s da armada celeste, que afirman que nesta fin de semana pasada, e co gallo do enfrontamento entre os equipos galego e basco pola Copa do Rei, as forzas de seguridade procederon o “secuestro” de bandeiras nacionalistas galegas. Afeccionad@s célcic@s recoñeceron a Sermos Galiza que “os prolegómenos do encontro de Copa estiveron marcados polo inxustificado secuestro de bandeiras galegas na porta de acceso a unha das bancadas, alegando motivos tan absurdos como que eran anticonstitucionais, ou que non podían introducirse símbolos políticos que puideran provocar altercados no estadio”.

Estes afeccionados critican a actitude “chulesca” e “provocadora” dos axentes da Policía española.

Estes seareiros, da peña Celtarras, denuncian que “foron moitas as bandeiras do noso país que se requisaron, así como as da Plataforma Que volten a casa. Todo aquel siareiro que portara unha bandeira, era inmediatamente parado por antidisturbios, que decidían cal podía pasar e cal non. No colmo do despropósito, a un rapaz tamén lle impediron entrar con dúas camisetas que levaba na man; unha delas era dunha peña do Athletic coa lenda Antiultra, e a outra, coa lenda Antifa Hooligans xunto aos escudos de Athletic e Celta. Todo aquel que protestaba ou preguntaba a qué se debían eses feitos, era identificado inmediatamente polos axentes, sempre baixo un ton chulesco e provocador”.

Rachar a festa eusko-galega

Este sector da afección lembran que esta non é a primeira ocasión na que a Policía española “tenta rachar” a festa entre as afeccións galegas e bascas. Poñen como exemplo a atitude provocadora,cualifican, dos antidisturbios na contorna de Balaídos cando hai un encontro de fútbol entre estas equipas irmáns.

"É a primeira vez que se arrebatan as bandeiras galegas dun modo tan masivo xogan do o Celta en Balaídos"

E lmbran: “O pasado ano, sen ir máis lonxe, e nun inmellorable ambiente festivo varios siareiros locais foron sancionados con 3000 euros de multa e varios meses de prohibición para entrar a un recinto deportivo por mor dunha suposta invasión de campo que ninguén víu porque nunca chegou a producirse máis que no imaxinario da Comisión Antiviolencia. Era a súa resposta á presencia dunha pancarta na bancada de Preferencia Lateral pedindo xustiza para Íñigo Cabacas, o hincha bilbaíno asasinado á saída dun encontro en San Mamés tras recibir o violento impacto dunha pelota de goma, e que foi recibida cunha forte ovación por parte da parroquia visitante”.

Unha constante cando van polos estadios españois

Sempre segundo este relato dos afeccionados á equipa celeste, “non é a primeira ocasión en que os siareiros do Celta, así como dalgún outro equipo galego, ven como lles quitan as súas bandeiras galegas á entrada nun campo de fútbol” nos desprazamentos polo Estado español.

"Xa non é novidade que a Policía española tente rachar a festa entre célticos e athleticzales cando os hinchas roxibrancos visitan terras galegas"

Lembran, así, o episodio na final de copa disputada en Sevilla entre Celta e Zaragoza, onde “tamén se contaran por decenas as bandeiras galegas requisadas e tiradas ao lixo, co argumento de que diante do Rei de España non podían exhibirse eses símbolos, ademais dun cubregradas cedido para a ocasión por unha formación política do país”.

Mais a novidade, apuntan é que todos eses precedentes sempre tiveran lugar fóra de Galiza, “sendo a primeira vez que se arrebatan bandeiras galegas dun modo tan masivo xogando o Celta en Balaídos”.

Comentarios