Opinión

Razón de ser dunha resolución

No fin de semana pasado e na cidade da Coruña celebrouse a XVI Asemblea Nacional do BNG, que merece todos os parabéns e, aínda máis, os desexos da mellor fortuna no traballo que temos colectivamente por diante, que non é pouco. Mais neste artigo quérome aproximar só a unha das Resolucións aprobadas na súa clausura, cuxo texto literal reza así:

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN

XVI ASEMBLEA NACIONAL DO BNG

O BNG foi pioneiro na recuperación de usos do galego e na súa defensa práctica, con froitos visíbeis, incluída a necesaria corrección dos nosos apelidos e a galeguización dos nomes, que xa moitos de nós fixeron. Recentemente, a Real Academia Galega editou unha guía que orienta os apelidos xenuínos, o que permite a oficialización de todos os deturpados ou castelanizados. É por isto polo que presentamos a seguinte PROPOSTA DE RESOLUCIÓN:

  1. O BNG instará a corrección dos apelidos das e dos militantes que o precisaren, e a súa legalización a todos os efeitos, con vista a eliminar as deformacións que os converten nun híbrido impresentábel (exemplos: “Lage”, “Seijo”, “Requeijo” e tantos máis).  Así mesmo, animará a galeguización dos nomes cando for posíbel.
  2. A militancia do BNG, e, nomeadamente, as e os membros dos seus órgaos de representación e de dirección, adoptarán a ortografía e a ortofonía (por tanto, a escrita e a pronuncia correctas) de todos os nomes-apelidos de orixe galega, incluídos Raxoi e Feixoo, de alta frecuencia de uso.

Subscrebemos esta Proposta de Resolución as e os militantes seguintes, por orde alfabética:

María Pilar García Negro

Marcos Maceira Eiras

Francisco Rodríguez Sánchez

Dores Vidal Peón

Roberto Vilameá Ponte

GALIZA (A CORUÑA, 26 de Marzo de 2017).

O seu teor é claro abondo, mais quixeramos engadir algún motivo máis do seu sentido e intención. Temos ouvido en varias ocasións que a escrita e a pronuncia correctas dos apelidos do presidente do goberno español e do presidente da Xunta supoñen un “agasallo” aos interfectos que eles non merecen, unha especie de plus de galeguidade que eles vulneran en toda a súa vida política, nas súas biografías de conspicuos servos da españolidade e das políticas anti-galegas. Teño repetido, tamén en moitas ocasións, que a ofendida, en realidade é a lingua galega, non eles. Que sentido ten a bifurcación “Rajoy” / Pazo de Raxoi (sede do Concello de Santiago e do Consello da Cultura Galega)? Se teimamos en escreber e en dicer “Feijoo”, diremos tamén “feijoada” (a típica comida brasileira) con “j” de “jamón”? A alguén se lle ocorrería dicer Jordi Pujol co mesmo “jota” desta palabra española? É menos o galego que o catalán? Ou o inglés John, ou o francés Juppé ou a alemá Angela, pronunciada non co “g” do español “gente” senón co son “gue”? E tantos exemplos máis...

Opino que manter a escrita e a pronuncia castelanizadas, en híbrido impresentábel (por moi consolidado que estexa), abre a porta á naturalización de deformacións que ninguén subscrebería, tanto na toponimia como na antroponimia: “Fojo”, “Lojo”, “Ameijeiras”, “Teijeiro”... e millenta máis. Non é moito hora de que nos apropriemos da nosa lingua xenuína, enteira e verdadeira?

Aínda máis. Raxoi e Feixoo son galegos de nacemento e anti-galegos de política e de servizo. Chamalos como se chaman pon á vista ambas condicións e, naturalmente, provocará un debate que xa se deu nalgunha ocasión. Volveremos ouvir pseudoargumentos peregrinos: que os apelidos non se “cambian” (cando o cambio histórico foi o inverso, isto é, o que castelanizou barbaramente os nosos topónimos e antropónimos) ou, aínda, na reviravolta máis esperpéntica, que “Feijoo”, á española, é o auténtico apelido que non se debe “galeguizar” en Feixoo: isto chegou a dicer, en entrevista televisiva o actual alcalde de Ourense, na altura conselleiro de Educación e Cultura! Negárense a se chamaren como se chaman mesmamente revelará ipso facto a que e a quen serven: á españolización inclemente da Galiza, no político, no económico, no cultural e no lingüístico, que son faces do mesmo poliedro.

Raxoi e Feixoo son galegos de nacemento e anti-galegos de política e de servizo. Chamalos como se chaman pon á vista ambas condicións e, naturalmente, provocará un debate que xa se deu nalgunha ocasión

Se a militancia e os cargos públicos e orgánicos do BNG se animaren á correcta escrita e pronuncia sentarán un precedente distintivo face ao resto das forzas políticas operantes na Galiza, dependentes ao cabo da matriz madrileña. Se o BNG é a única que, rectilínea e univocamente, serve á Galiza e á política galega autocentrada, isto tamén se debe reflectir na lingua.

Unha outra posíbel obxección a esta tese e a esta práctica debe ser aclarada e é a que apela a argumentos etimolóxicos e á escrita na outra póla da lingua, o portugués. Dáse a circunstancia de que o par fonolóxico xorda / sonora manteno esta rama do común tronco lingüístico, mais non a nosa. Quer dicer, o portugués diferencia perfeitamente o son do Alentejo do son de Seixas, ou, por citar unha secuencia bancaria coñecida, os sons presentes na firma Caixa Geral de Depósitos. Podería ser esta, a pesar de termos só o fonema xordo (o de caixa, xente, xeral, deixar, laxe...) a escrita do galego? Podería, por suposto. Mais dáse a circunstancia de que, hoxe por hoxe, seguir a escreber “Rajoy” e “Feijoo” (ou “Lage”, “Rianjo”, “Janeiro” ou “Germade”...) só conduce a pronuncialos á española e a dar por válidos nomes absolutamente deturpados. Moi outra cousa é unha necesidade imperiosa: a de lermos con naturalidade textos en portugués, sabéndomos cal é a súa escrita e a súa fonética correctas, en todos os casos. Neste labor (a publicación de textos de todo tipo en portugués, seguindo o padrão actual ou o anterior ao acordo ortográfico), hai aínda moito por facer, mais precisamente o nacionalismo galego e as súas publicacións foron quen máis cabida deron á naturalidade de leitura na outra rama da mesma lingua, a través de artigos, entrevistas e colaboracións de todo tipo. E, tamén, non por casualidade, a el e a elas corresponde a autoría da popularización-divulgación do nome galego da nación, a Galiza.

Se a militancia e os cargos públicos e orgánicos do BNG se animaren á correcta escrita e pronuncia sentarán un precedente distintivo

Coido, en fin, que no binomio pronuncia / escrita, é a primeira para o galego actual a que debemos privilexiar, na intelixencia de acompañala da debida pedagoxía verbo da ortografía e da ortofonía portuguesas. Que os meios dominantes de comunicación galegos sigan a chamar e a escreber “Oporto” ou a dicer Rio de Janeiro á española, en colaboracionismo cos seus colegas españois, non é máis que a mostra de tanto como resta por facer na precisa reapropriación da nosa lingua enteira, en toda a súa territorialidade. Desde logo, o noso Xaneiro está moito máis próximo do Janeiro do galego do sul e do Brasil e demais países de lingua portuguesa que o “Janeiro” españolizado que ouvimos decote...

En suma: a escrita e a pronuncia non son ornamentos; son identificadores. Apontémonos, pois  -así o pido-  a unha lingua enteira, non ao “bilingüísmo” que admite e abenzoa as deformacións antes citadas, como tantas outras: “La Sardiñeira”, “La Zapateira”, “Las Lagoas”... Galego enteiro e recoñecíbel como tal ou seguidismo tradicionalista da ortopedia forzada da lingua de noso.

Comentarios