Imprimir

Raxoi volve a Galiza para arroupar a Feixoo: "Cando nos tocou gobernar, fixémolo mellor que os demais"

Redacción - Europa Press | 27 de xuño de 2020

Mariano Raxoi, Alfonso Rueda e Miguel Tellado antes do mítin en Pontevedra pra arroupar a Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: Europa Press)
Mariano Raxoi, Alfonso Rueda e Miguel Tellado antes do mítin en Pontevedra pra arroupar a Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: Europa Press)
O expresidente do Goberno estatal, declarado "persoa non grata" no seu día na súa cidade natal, asegurou que na Galiza a crise sanitaria "xestionouse mellor que ninguén" nun acto no que tamén estivo presente Pablo Casado. O candidato do PPdeG, Alberto Núñez Feixoo, contrapuxo o seu "sentidiño" á xestión e á "fragmentación política de bloques" do Goberno estatal.

O expresidente do Goberno estatal e presidente de honra do PPdeG, Mariano Raxoi, participou este sábado nun simbólico acto no que os populares organizaron na praza de touros de Pontevedra para arroupar ao presidente da Xunta e candidato, Alberto Núñez Feixoo, na carreira electoral aos comicios do 12 de xullo.

"Gústame estar aquí porque estamos no inicio da campaña. Agora non son candidato á nada, nin estou na política activa, mais impórtame o que pasa na Galiza e en España. Creo no meu partido e nos seus candidatos. Cando nos tocou gobernar, fixémolo mellor que os demais. E para iso estamos en política, para facer as cousas ben", asegurou Raxoi.

"Aquí aguantouse e xestionouse a crise mellor que ningué", sentenciou o ex presidente do Goberno estatal, nun acto no que os populares reuniron arredor de 300 militantes e simpatizantes. Raxoi recibiu o calor dos seus nunha cidade gobernada polo BNG e na que no seu día foi declarado “persoa non grata”.

Tras o arranque do acto, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asumiu o protagonismo cunha intervención na que declarou o seu “orgullo” por pertencer ao PP, ao que debe "toda a súa traxectoria política". Rueda comprometeuse con Feixoo a traballar "todo o que se lle pida" na campaña para contribuír a unha cuarta vitoria electoral coa que equiparar ao actual líder do Executivo galego co seu predecesor, Manuel Fraga.

De Feixoo, Rueda destacou que non sexa nin "doutrinario" nin "sectario". Fronte ao liderado "responsábel" de Feixoo, Rueda previu contra "aqueles tempos para esquecer" do bipartito na Galiza.

En tanto, o líder e candidato do PPdeG rexeitou importar a Galiza a "fragmentación política de bloques" do Estado, contrapoñendo o "sentidiño" e a "moderación" da súa xestión nos últimos once anos. "Esta é unha cuestión de prioridades e, para min, a prioridade é Galiza, Galiza, Galiza", reivindicou Núñez Feixoo.

"Non dou ningunha exclusiva se digo que non me gusta e que probabelmente sexa o peor Goberno que tivo España, pero por enriba dos meus gustos están os galegos e o meu compromiso como representante ordinario do Estado na Galiza", engadiu Núñez Feixoo en referencia ao Goberno estatal e a xestión da pandemia, que deixou máis de 600 persoas falecidas no país.

 

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/politica/raxoi-volve-galiza-arroupar-feixoo/20200627130952100343.html


© 2020 Nós Diario