Opinión

Raxoi non vai demitir nunca

Lin nalgures, a long time ago, que unha das frases favoritas de Ronald Reagan era a de Never say never. Nunca digas nunca. Un pouco James Bond. Ben, pois aínda que nunca se pode dicer nunca, arríscome a escreber que Mariano Raxoi non vai demitir nunca. Ese, o de claudicar, non é o seu estilo. El é un resistente. Tanto lle ten o que pase ao seu arredor. Tanto ten as toneladas de merda que lle caian na cabeza. Tanto ten que el sexa en boa medida responsábel da produción deses detritos. El simplesmente perdura. Tanto que -após o acordo co PNV- até aspira a levar a termo a lexislatura. Ese é Raxoi en estado puro e se non me cren, bótenlle un ollo ao Código Mariano de Antón Losada.

Raxoi non vai demitir nunca e Feixóo non lle vai pedir nunca que demita. Feixóo vai pola vida de pre-líder do PP estatal, seica o antídoto perfeito para frear Rivera. Mais é ante todo un home de partido. Coñece os códigos. E no PP -aznarizado no seu funcionamento interno, embora Aznar se pasase ao inimigo laranxa- a norma número un é que ningúen ousa levar a contraria ao chefe máximo. Así Fraga promoveu Aznar e Aznar promoveu Raxoi. E así Feixóo aspira a ser promovido por Raxoi. Un cálculo que talvez falle pola base: Raxoi a quen quer promover é a si propio.

Ben, a sentenza da Gürtel acaba de converter o PP no primeiro partido europeu en ser condenado nunha causa por corrupción. Se Raxoi non demite por este asunto, é que xa non demitirá nunca. Feixóo tampouco vai dicer nen chío. Non só porque o PP funciona como un exército (algún xuíz ten escrito que como unha organización criminal), senón porque el tamén ten algún papel na función: como conselleiro de Política Territorial (2003-2005) nunca encontrou tempo para cesar o representante da administración galega en Portos de Galiza, que naquela altura era Pablo Crespo, condenado agora a 37 anos de prisión. Feixóo nunca foi quen a explicar convincentemente por que mantivo no seu cargo a quen en tempos fora secretario de Organización do PPdeG. Crespo acabou por ser destituído, si, mais polo deostado bipartito.


 

Comentarios