Ramoniña, a nena que non estaba na fotografía

A de Ramona é unha historia de raíces amputadas, unha nena querida polo seu pai á que lle roubaron infancia e mocidade. Resgátaa a escritora Marga do Val para Sermos Galiza. Eis un extracto do artigo publicado no número 330 do semanario.

Familia_Jaso
photo_camera [Imaxe: Cedida] Familia Jaso

5Ramona Jaso Ramírez non aparece na fotografía que encontramos en moitos textos que fan referencia á represión sufrida pola familia Jaso en Tui, ela aínda non nacera. Na imaxe que Ramoniña, a nai do meu amigo Julián Bravo Jaso, me mostrou hai uns anos emocionada e da que xa temos falado, conmóvenos o retrato da felicidade, a harmonía, que o cabeza de familia, Enrique Jaso Paz, desexou inmortalizar, un futuro, hoxe sabemos, sen futuro. Foi Ramoniña quen nos desvelou a identidade de todas as persoas da imaxe: a do seu pai, Enrique, a da súa irmá máis vella Evangelina, a do seu irmán, Enriquiño Jaso González, ela e mais el, froitos do primeiro matrimonio do pai. Nunha cadeira, a nai, a segunda muller de Enrique, Josefa Martínez San Juan, a rente dos seus pés está Josefita e no seu colo, Loliña. Xa ninguén vive e, Ramoniña, a miña informante, hai só uns días, o 1 de xaneiro do 2019. Enrique Jaso Paz, agrarista, fundador de Iquierda Republicana foi fusilado o 27 de agosto de 1936, co seu xenro, José Alonso Martínez, “Pepe, o Negro”, da CNT, compañeiro de Evangelina e pai da súa filla.

A Enriquiño viñérono buscar pola mañá á casa, foi a súa unha morte presentida, saíu co seu mellor traxe, detido recibiu a visita das súas irmás, Josefita e Loliña, de 14 e 12 anos, deulles o seu reloxo, non o ía precisar, matárono ao día seguinte. Levárono nun Hudson azul, matárono coas mans atadas nas costas, contoume Ramoniña e eu non o podo esquecer, que viñeron de volta a rir ensinando as mans manchadas co sangue de Enriquiño e ela tiña oito anos e soubo todo de maior, que lle mexaran nos ollos e na boca. Levárano até San Miguel de Tabagón e deixárano nunha cuneta, sen o traxe. Contoume e tamén llo contou ao seu fillo Julián, que un dos que ía no coche, un dos do “paseo”, lle apareceu un día pola casa, uns corenta anos despois, para lle dicir que non fixera nada, que só ía para mirar, que foran o Fuciños, o Zarollo, o Modesto e os gardas civís, Tomás Vázquez e López Rojo, que o moeran a paus e que lle foran pegando tiros, de vagar, por todo o corpo.

A Evangelina fusilárona con 26 anos, o 24 de abril de 1937, na Alameda de Tui, como o seu pai, como o seu home. Acollera na súa casa os irmáns Eduardo e Rogelio Fernández Miniño e a Herminio Saavedra, fuxidos do Porriño, e na tenda onde mercaba desconfiaron: moita era a comida que levaba. Tivo tempo de lle entregar a súa filla de meses, Eulalia, aos sogros. Fusilárona con Herminio. Tivérona nun cárcere improvisado preto da catedral, non había onde prender tanta xente. Ramona chora lembrando as torturas, a aldraxe sufrida, sabe que lle deron morfina para que chegase á morte enteira. A imaxe de Evangelina nunha camioneta descuberta e co cabelo volto todo branco ficou na memoria e entrou nun poema de Xosé María Álvarez Cáccamo. Un neno que nunca esqueceu os tiros, nin o cadáver de Evangelina, será o futuro esposo de Ramona.

[Podes ler o texto íntegro no número 330 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios