ANTONIO REIGOSA, EXPERTO EN ORALIDADE

“A RAG debería pensar nun Día das Letras dedicado á literatura oral”

Antonio Reigosa (Mondoñedo, 1958) é escritor e investigador da literatura galega de tradición oral. Foi o responsábel do grupo de literatura de tradición oral no último congreso da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG). Nesta conversa, debúllanos as claves desta literatura.

 

Antonio Reigosa
photo_camera Antonio Reigosa

Cal é o estado actual da literatura de tradición oral?

É complicado facer un diagnóstico porque a literatura oral vai asociada á situación da lingua, que non é precisamente boa: baixan os falantes, os lugares de transmisión da literatura de tradición oral perden poboación…  Eu son optimista na medida en que a oralidade é fundamental para a comunicación e para a transmisión de cultura e coñecementos, pero son pesimista en canto a que o galego como principal lingua de comunicación desa cultura está nunha situación moi grave.

No relatorio do congreso da AELG sobre literatura de tradición oral falou da posibilidade de convertérmonos nunha xeración muda. A que se refería?

É unha metáfora. Trátase de explicar que nas culturas tradicionais o coñecemento e a literatura transmítense fundamentalmente pola vía oral, pero se as posibilidades de comunicación oral (como o espazo familiar ou nos que a rapazada se xuntaba a xogar) desaparecen ou non se practican provócase unha fenda de comunicación oral na cadea. Correríase entón o risco de perder a transmisión de coñecementos e cultura e, polo tanto, converteriámonos en mudos e non habería posibilidades de superalo. Se hai unha ou varias xeracións mudas, que non transmiten, o herdado é irrecuperábel.

Como lle afecta a internet á literatura de tradición oral?

Internet é unha boa oportunidade para a oralidade pola súa función documental. Normalmente, aprendemos por imitación, algo que nos permite o feito de colgar vídeos. Ademais, permite a interacción entre persoas que se atopan en distintas partes do mundo.

"Habería que darlle máis espazo e tempo á expresión oral no ensino"

Cales son os retos da literatura de tradición oral?

Que o ensino recupere a oralidade como sistema de comunicación, é dicir, que se lle dea moito máis espazo e tempo á expresión oral, porque propiciará que haxa un emprego da capacidade do discurso. Non se trata tanto de recuperar, porque nunha parte do patrimonio oral é irrecuperábel e desaparece coas persoas. Trátase de poñer en valor e de prestixiar a quen é capaz de ensinar a técnica dun oficio ou que sabe contar unha historia ben contada. Tamén sería un xeito de prestixiar o patrimonio.

Referíase vostede ao ensino, como se atopa a literatura de tradición oral no ámbito escolar?

Apenas forma parte do currículum, polo que depende máis do voluntarismo de profesores, que si traballan tendo en conta a literatura oral e que tratan de chamar a atención do alumnado sobre parte de patrimonio con referencias toponímicas, contos, lendas urbanas… pero non hai ningún temario en ningún dos cursos do ensino obrigatorio que trate a literatura oral con certa profundidade. Ademais, á formación do profesorado tampouco se lle dá moita importancia (dáselle á escrita, pero non á oral).

Que precisa esta literatura?

Non hai receitas máxicas. É importante programar actividades culturais na que a protagonista sexa a oralidade e na que o ingrediente básico e a estrela sexa o que se transmite.

A AELG organiza o próximo sábado as xornadas de literatura de tradición oral. Que nos pode adiantar ao respecto?

Trátase xa da oitava edición e nesta ocasión vaise falar do sexo e da obscenidade, que polos prexuízos e tabús son aspectos que apenas se difunden. Hai que facer visíbel que moitos chegamos ao mundo do coñecemento do sexo a través de historias que os maiores nos contaban. Acontece o mesmo co escatolóxico, que todos oímos pero que queda nun espazo de bar, de “colegueo” ou de infancia.

Que salienta das conclusións ás que chegaron no Congreso da AELG sobre literatura de tradición oral?

En primeiro lugar, chamar a atención da RAG para que pense nun Día das Letras Galegas dedicado á literatura de tradición oral. Sempre son protagonistas autores con obra impresa. Unha das principais características da literatura oral é o anonimato, polo que a protagonista do Día das Letras sería a temática. Tamén temos personaxes que no campo da investigación foron referentes, ou obras como Contos populares da provincia de Lugo ou os Contos vianeses, de Laureano Prieto. As fórmulas poderían ser varias. Á marxe disto, acordamos promover recreacións nas que a oralidade sexa fundamental: teatro, revistas orais, encontros temáticos…

Comentarios