Rafael Lobelle, un poeta cara ao primeiro libro a través dos premios

Andar ás apóutegas será o seu primeiro libro. Virá despois de que os seus poemas recibiran o premio Avelina Valladares do Concello da Estrada. O poeta Rafael Lobelle ten xa varios premios pero agora verá por primeira vez un libro coa súa sinatura. 

rafael
photo_camera rafael

A editorial Fervenzas publicará o primeiro libro de Rafael Lobelle, o poeta de Chantada que vén de gañar o premio Avelina Valladares con Andar ás apóutegas, a expresión que ten oído dos seus devanceiros na casa e que se refire á busca das flores do monte e que sinala, por así dicilo, a quen non está no regueiro. “Era o lugar onde van os descarriados. As apóutegas son unha flor encarnada do monte que tamén se chama mal de raposo. Teñen un sabor moi doce”, comenta Rafael Lobelle da expresión que irá na capa do seu primeiro libro. 

Co Avelina Valladares Rafael Lobelle levou unha sorpresa. Os anteriores premios, o Xuventude Crea en diversas ocasións e o Díaz Jácome de Mondoñedo, comezaron a airear o seu nome mais o da Estrada supón un chanzo máis na súa traxectoria poética. No tempo no que a rede se converte nunha óptima transmisora da literatura, Lobelle sabe que o libro continúa a ser fundamental á hora de ter presenza no panorama literario. “Continúa a ter máis prestixio cando, en principio, non tiña por que ser en pleno século XXI. Parece que até que tes un libro publicado non contas. De todas maneiras, para min esa noticia foi unha alegría especial. A rede é moi boa para dar a coñecer a túa obra pero supón tamén un revoltallo de moitas cousas sen peneirar”, comenta Rafael Lobelle. “Vivimos nunha contradición. Estamos na era do libro electrónico, con moreas de espazos dedicados á poesía mais ao final está o libro sempre”, anota o poeta.  

"Estamos na era do libro electrónico, con moreas de espazos dedicados á poesía mais ao final está o libro sempre”, sinala Lobelle

Comezou a escribir poesía hai uns tres anos. A ler, moito máis e esa é a razón de que o seu poemario estea peneirado de citas de autores e autoras que son para el referencias literarias. Lupe Gómez, María do Cebreiro, Luís G. Tosar ou Rafa Villar son algúns dos nomes citados no que será o seu primeiro libro. “Andar ás apóutegas é unha viaxe, un camiño dividido en tres partes, mais é un camiño interior, cara aos medos e os prexuizos sociais” explica Rafael Lobelle. “A primeira das partes sería a preparación á viaxe, as alforxas das que partes. A segunda, unha crítica social e a terceira que se titula “O cheiro das castañas asadas ao lonxe” trátase do regreso cara ao interior”, di, debullando as distintas partes dun libro que verá a luz proximamente. 

Da retranca dos teus ollos, é o título que o fixo merecente do premio Díaz Jácome de Mondoñedo, que recibiu despois de ter conseguido en varias ocasións o Xuventude Crea.O xurado composto por María Neves Soutelo Vázquez, David Otero Fernández, Xosé Luna Sanmartín e Dolores Araujo Aria avaliou o seu novo poemario como o mellor dos presentados ao Avelina Valladares. Recibirá o premio no mes de decembro no marco da festa da poesía do concello da Estrada. 

Comentarios